Sete anos de diversidade
Hai xa sete anos que Sons da Diversidade naceu coma un ciclo de difusión das chamadas músicas de raíz. A Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela puxo en marcha o proxecto no ano 2004, e o ciclo resultou ser a mellor proposta para a dinamización dun espazo como é o Auditorio de Galicia, hoxe emblemático.
Nestes anos, Sons da Diversidade achegou a Compostela a música de máis de 40 artistas de todo o mundo. Ryuichi Sakamoto, Femi Kuti, Rodrigo Leão, Michael Nyman, Lila Downs, Lhasa, Habana Blues Band, Khaled, Adriana Calcanhoto, Goran Bregovic, Jane Birkin, Laurie Anderson ou Salif Keita foron só algúns deles.
A tempada 2010 - 2011 abre cos concertos de Berrogüetto en novembro e Lokua Kanza en decembro, sonoridades orgánicas desde Galiza e desde o Congo. De xaneiro a xuño escoitaranse en Sons algunhas das voces femininas máis interesantes da actualidade, cunha gran variedade de rexistros e latitudes: flamenco con Carmen Linares, canto lapón con Mari Boine, fado con Ana Moura, sons globais con Hindi Zahra e rebética con Eleftheria Arvanitaki, para pechar en xuño cos diálogos de piano e voz de Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.