No Auditorio de Galicia, o 4 de decembro

Lokua Kanza

Música intimista desde o corazón de África

4 de decembro / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela

Entrada: 15 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 7,50 €

Cunhas notas de kalimba arranca Nkolo, o último disco do congolés Lokua Kanza. Esa delicada percusión dá paso a unha voz máxica, que por momentos parece fráxil para despois erguerse chea de forza. Youssou N'Dour non o dubidou cando lle preguntaron polo seu cantante favorito: Lokua Kanza ten a voz e tamén a sabedoría para construír cancións ás que frautas, campás, coros e percusións achegan multitude de matices. O resultado é unha música intimista que agroma do corazón de África para empaparse de influencias europeas e brasileiras.

Lokua naceu na República Democrática do Congo rodeado de música. En Kinsasha compaxinou os estudos de conservatorio coa absorción de todos tipo de estilos nas rúas, as radios, a igrexa e as discotecas. Logo de moitos anos integrado na escena musical do Golfo de Guinea estableceuse en París, onde en 1993 gravou o seu primeiro álbum, Lokua Kanza, no que revelou o seu talento como compositor e cantautor. Seguírono os discos Wapi Yo, 3, Toyebi Te e Plus Vivant, ademais de Toto Bono Lokua, un dos álbums de referencia da música africana, gravado xunto a Richard Bono e Gerald Toto.

A vida do cantante congolés repártese entre o seu país natal e as cidades de París e Rio de Janeiro. Esa experiencia vital e musical trasládase ao seu último traballo, con temas nos que sopra o aire nostálxico dos espirituais negros e outros de atmosfera brasileira. Melodía, sutileza, encanto e un chisco de melancolía son as claves dun disco dunha elegancia excepcional. Así o valora a prensa especializada, como Crisol de Músicas: "Lokua é un erudito da música contemporánea. O resultado é este esperado Nkolo, unha gozada para o oído e especialmente para o sosego do espírito tan necesario nestes tempos axitados."




« Programa 2010 - 2011
Escoita a Lokua Kanza en mp3:
Dipano
Elanga ya muinda
Nakozonga

Co patrocinio de:

Fundación Caixa Galicia