No Auditorio de Galicia o 12 de febreiro

Mari Boine

A voz telúrica dos sami

12 de febreiro / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela

Entrada: 15 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 7,50 €

Mari Boine chega desde Laponia, onde naceu en 1956 e onde loita por conservar a cultura, a lingua e a música do pobo sami. O canto tradicional deste pobo, o yoik, é a base da que parte a cantante para construír un repertorio no que o folclore do seu país se mestura con arranxos chegados do jazz e o rock. Eses sons os vimbios dunha carreira que se espalla ao longo de nove álbums en 25 anos de carreira, dedicada a proxectar internacionalmente unha das expresións musicais máis singulares do mundo.

Mari Boine naceu no seo dunha familia de pescadores moi devota. Alí coñeceu os salmos cantados polos sami e os prexuízos relixiosos sobre a música. Creceu sentindo vergoña das súas raíces, o que máis tarde superaría e denunciaría coa súa música. Tras a súa participación nos festivais Womad, publicou Gula Gula en 1990, o que lle abriría as portas do mercado internacional. Á parte da súa propia discografía, colaborou co gran músico de jazz Jan Garbarek no disco Twelve Moon e participou nas gravacións doutros artistas noruegueses, ademais de compor música para obras de teatro, exposicións de arte e a película The Kautokeino Rebellion.

No seu último disco de estudio, Sterna Paradisea, rodeouse dun grupo fantástico de músicos noruegueses e africanos. O resultado é unha música telúrica que nos achega ás paisaxes xeadas de Escandinavia atravesadas por sonoridades urbanas. A escritora Lucía Etxeberría expresaba na revista Rolling Stone o impacto que lle causou o directo de Mari Boine: "Por veces lembra ao flamenco, na fondura e no laio, nesa especie de dimensión rota e ferida da voz. O concerto foi impresionante, inesquecible, hipnótico".




« Programa 2010 - 2011
Escoita a Mari Boine en mp3:
Lene Májjá
Claudine's song
Soria moria palace