No Auditorio de Galicia, o 13 de Novembro

Berrogüetto

Música orgánica aberta ao universo

13 de novembro / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela

Entrada: 15 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 7,50 €

Berrogüetto mestura a paixón pola música tradicional e a experimentación máis contemporánea. Estes foron os argumentos cos que hai case quince anos irromperon de maneira brillante no panorama galego. Son os mesmos que os manteñen, cinco discos despois, como unha das propostas máis innovadoras e internacionais de Galiza. Ese compromiso creativo vén de renovarse con Kosmogonías, unha colección de sons orgánicos na que se plasma a alma do grupo.

En 1996 Berrogüetto revolucionou a música galega coa súa proposta: un tratamento moi fresco das melodías tradicionais, con interesantes harmonizacións modais e contrapuntos. Desde entón a aparición de cada disco converteuse en todo un acontecemento. Navicularia, Viaxe por Urticaria, Hepta e 10.0 recibiron premios en Galiza e no exterior e convertéronos nun dos nomes de referencia da world music en Europa.

Kosmogonías lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria. O berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós, unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara á consecución dun sistema de organización máis xusto. O directo de Berrogüetto transcende máis aló do son, supón unha experiencia na que se unen música, danza e imaxe. Así os ve o xornalista de El País Fernando Neira: "Kosmogonías parte da inspiración tradicional galega para expandirse ata onde alcance a imaxinación: o legado balcánico, os fraseos orientalizantes, os cambios de ritmo, os compases quebrados e esa busca permanente da singularidade".



« Programa 2010 - 2011
Escoita a Berrogüetto en mp3:
Alalá da noite
Planeta Can
Danza de Meirol

Co patrocinio de:

Xunta de Galicia