No Auditorio de Galicia, o 16 de xaneiro

Carmen Linares

A gran dama do flamenco

16 de xaneiro / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela

Entrada: 20 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 10 €

Nas dúas últimas décadas o cante flamenco de muller leva o nome de Carmen Linares. A mellor cantaora da actualidade gañou o seu título sobre os escenarios, dos tablaos aos grandes auditorios internacionais. A suma de facultades extraordinarias e gran capacidade de traballo vólvense plasmar no espectáculo La poesía en el cante, no que rende homenaxe á poesía coa interpretación de cantes populares e dos versos de García Lorca, Juan Ramón Jiménez e Miguel Hernández, que na súa voz soan como nunca se oíran antes.

Nada en Linares (Xaén), a súa procura constante de novas formas de expresión levoulle a combinar o cante jondo con agrupacións de cámara, orquestras sinfónicas ou espectáculos dramatizados. A primeira cantaora invitada pola Orquestra Filharmónica de Nova York para actuar no Lincoln Center acumula grandes fitos da súa ampla discografía, como a gravación de Las canciones populares antiguas de Lorca e o disco de referencia Antología de la mujer en el cante. A súa contribución ao flamenco foi recoñecida con importantes galardóns, entre os que destaca o Premio Nacional de Música 2001 e a Medalla de Ouro das Belas Artes 2006.

No espectáculo La poesía en el cante, á voz de Carmen Linares súmanse percusión, guitarras, palmas, coros e o baile de Adolfo Lobato para emocionar de maneira sincera ao público. Esa mestura de autenticidade e coñecemento é o que salientan críticos como Ángel Álvarez Caballero: "Na súa voz detéctase sempre un tremendo traballo de recreación, desentrañando o sentido último de cada compás, de cada terzo, para darnos despois o cante fluído, inspirado e harmonioso. O cante de Carmen Linares é o do laio, o cante que doe, que magoa. Detrás de todo están o rigor e a autoesixencia dunha cantaora".




« Programa 2010 - 2011