No Auditorio de Galicia, o 17 de xuño
Ana Belén e Rosa Torres-Pardo
Diálogos entre piano e voz
17 de xuño / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela
Entrada: 20 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 10 €
Unha gran pianista e unha das máis respectadas cantantes do panorama estatal únense sobre o escenario para establecer novos diálogos entre piano e voz, entre música e poesía, entre cantos e palabras. Ana Belén e Rosa Torres-Pardo alternan poesía española e música para piano a modo de pregunta e resposta, nun espectáculo con guión do poeta granadino Luis García Montero e a dirección escénica de José Carlos Plaza. Un espectáculo conmovedor e rigoroso para rabuñar a costra que oculta a verdade e a beleza.
Desde que aos doce anos gravou o seu primeiro single, Ana Belén desenvolveu unha intensa carreira artística na que cine e música correron en paralelo. En solitario ou con Víctor Manuel interpretou algunhas das cancións máis populares das últimas catro décadas, como "La muralla", "El hombre del piano", "La puerta de Alcalá" ou "Arde París". Despois do éxito do disco ao vivo
Mucho más que dos e da xira "El gusto es nuestro", Ana Belén realizou proxectos máis persoais, como o álbum
Lorquiana, con poemas de Lorca, e o seu último traballo,
Anatomía (2007), finalista ao Grammy Latino ao mellor álbum de pop vocal feminino.
Rosa Torres-Pardo é unha das pianistas máis prestixiosas da actualidade. En 1987 debutou no Teatro Real de Madrid xunto á Filarmonía Hungárica, e desde entón gravou e actuou en directo con moitas das grandes orquestras do mundo e baixo os directores máis destacados. Tamén desenvolveu proxectos con cuartetos e acompañada de cantantes como María Bayo e Marina Pardo, co actor José Luis Gómez e coa bailarina Lola Greco. Desde 1998 celébrase en Robles de Laciana (León) o festival Encuentros con Rosa Torres-Pardo, no que colaboran importantes pintores e músicos. Agora afronta con Ana Belén o reto de achegar unha nova visión musical á poesía española.
«
Programa 2010 - 2011