No Auditorio de Galicia, o 26 de marzo

Ana Moura

A nova estrela do fado

26 de marzo / 21.00 h
Auditorio de Galicia / Santiago de Compostela

Entrada: 15 € / Menores de 25 anos e persoas xubiladas: 7,50 €

Avanza a grandes pasos para converterse nunha lenda da música portuguesa. É aínda nova, pero con só catro discos conseguiu o éxito dentro e fóra do país que a sitúan como a nova estrela do fado, a cantante coa que os grandes queren actuar cando pasan por Lisboa: cantou con Mick Jagger no concerto dos Rolling Stones no Estadio de Alvalade e con Prince na súa actuación no Super Bock Super Rock. Coa súa voz, a súa presencia e un repertorio brillante construído co autor e produtor Jorge Fernando, Ana Moura está a conquistar o público de Europa e Estados Unidos.

Cando cantaba nun grupo de versións pop non podía imaxinar que en menos de dez anos se convertería na fadista de moda. Descuberta por Maria da Fé, pasou a cantar na casa de fados Sr.Vinho e de aí a gravar en 2003 o primeiro disco, Guarda-me a Vida na Mão, ao que seguiu Aconteceu (2004) e Para Além da Saudade (2007), que permaneceu máis de 120 semanas na lista de vendas de Portugal. O Premio Amália á Mellor Intérprete de Fado, os cheos nos coliseos de Lisboa e Porto, as xiras internacionais e o feito de ser a primeira artista portuguesa en cantar no Carnegie Hall de Nova York apuntan na mesma dirección: o presente do fado chámase Ana Moura.

O seu último traballo, Leva-me aos Fados, é outro paso adiante, no que conxuga a beleza do fado tradicional con camiños inesperados, situando o xénero fóra dos clixés lúgubres aos que ás veces se asocia. Un lamento exaltado co que entrou directamente no número 7 do Top World Albums Chart da Billboard en Estados Unidos. Críticos de medio mundo gaban a súa voz, e o New York Times aclámaa como "unha das luces máis brillantes dunha nova xeración que está revitalizando o fado portugués".




« Programa 2010 - 2011