Lila Downs
Una sangre
Auditorio de Galicia
3 de novembro de 2004. 21.00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 €. para estudantes e xubiladas/os.
A súa paixón é a cultura latina, como expresa no último álbum
Una sangre, acompañándose dunha banda formada por un guitarrista brasileiro, un baixista cubano, un batería chileno e un arpista mexicano.
Esta muller, dotada dunha intensidade vocal emocionante, reside actualmente en Nova York, unha cidade global que a reafirma no convencemento de facer visíbel a cultura latina. Outro dos compromisos vitais contraeuno co seu propio xénero, como amosan os temas dedicados neste disco á avogada defensora dos dereitos humanos Digna Ochoa, asasinada hai dous anos en Cidade de México ou a Mary Harris Jones, sufraxista irlandesa.
Quixo ser cantante de ópera pero o seu amor por unha vida nómada que a levaba a coñecer as tradicións marcou outra ruta. Lila Downs cambiou a Universidade de Minessota polas montañas de Oaxaca onde aprendeu o simbolismo creado polas mulleres do grupo indíxena triqui. Filla dun cineasta e pintor norteamericano de orixe escocesa e dunha cantante mixteca, Lila comezou a cantar cos mariachis aos oito anos. En Minessota estudaría canto e antropoloxía social, volvendo a México para explorar a historia da súa xente. Retomando os xéneros musicais latinoamericanos, Lila Downs practica un estilo ecléctico que se achega ao jazz latino.
"Medrei nunha especie de dobre realidade, entre o tradicional e o moderno, aínda que me recoñezo entre quen temos maiores niveis de acceso á modernidade. Teño familiares que ollan para min con moito respecto e admiración porque o meu pai foi gringo; do cal tiro sempre vantaxe e póñoa ao servizo da miña actividade artística. Pero nunca esquezo que me atopo nunha situación distinta á doutros, como os meus curmáns e curmás, que tiveron que ir traballar aos Estados Unidos na colleita de tomates".
Rabia, paixón e arte definen a música de Lila Downs. Cun forte sentido de pertenza á comunidade e unha curiosidade infinda para pescudar na historia, Lila Downs afástase, sen embargo, de calquera idea de divindade. A súa música non ten intencións humanitarias; golpea directamente na conciencia e no corazón.
"De cando en vez emerxe unha voz cunha cor, textura e concepción apaixonada, que resulta difícil de caracterizar. Lila Downs combina os seus estudos de canto formal do ámbito universitario do seu pai en Minessota, cos seus estudos en Oaxaca, México, retomando as tradicións indíxenas mixtecas da súa nai. Ela cobre as bases vocais dende o vibrato nasal da voz de peito de Lydia Mendoza e Lucha Reyes até a sensibilidade da nova canción de Mercedes Sosa, a técnica de Linda Rondstadt, a elegancia e a tesitura inventiva de Sara Vaughan e a dozura de Tish Hinojosa". (Michael Stone,
Roots World).
Lila Downs
«
Programa 2004