Capercaillie

Choice Languague

Auditorio de Galicia
6 de novembro de 2004. 21.00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 €. para estudantes e xubiladas/os.

Dende os seus comezos no Instituto de Oban, en Argyll, Capercaillie conseguiu un disco de ouro e dous de platino no Reino Unido, vendeu máis dun millón de discos en todo o mundo, realizou xiras por máis de trinta países e compuxo o primeiro single en gaélico, que acandou o top 40 nas listas inglesas. Agora veñen de presentar un disco antolóxico que recolle dez anos de música.

A Karen Mathesson, cantante de Capercaillie, describiuna o actor Sean Connery, como "alguén que ten unha gorxa seguramente tocada por Deus". A voz de Mathesson, herdada da súa avoa, contribuíu a que o grupo nacido nas Terras Altas de Escocia se convertese no gran protagonista do rexurdimento da música celta. Xunto a ela, músicos como Michael McGoldrick, Manus Lunny, Charlie McKerron e Donald Shaw, obtiveron para o grupo un disco de ouro e dous de platino no Reino Unido, con máis de un millón de copias vendidas en todo o mundo. A pegada da súa música tamén chegou á gran pantalla coa película Rob Roy, protagonizada por Liam Neeson e Jessica Lange.

Desde Argyll, onde teñen as súas raíces, gañaron o respecto de crítica e público a base de fusionar as melodías tradicionais con sons contemporáneos. Se a voz de Karen Mathesson resulta sorprendente cando canta en inglés, acada a plenitude nos temas en gaélico. Cando xa transcorreron máis de dez anos do seu nacemento como grupo, Capercaillie continúa a teimar en absorber influencias doutras culturas e rachar as fronteiras do que coñecemos como world music.

A elegancia é o trazo distintivo do seu último traballo ate agora, Choice Language. Loops, samplers e melodías pop e jazzísticas combínanse coa ancestralidade gaélica á que non renuncian. A fórmula do son Capercaillie reside en non ter medo a mesturar cancións de catrocentos anos de antigüidade coas novas tecnoloxías; o segredo do éxito que os levou dende as Terras Altas escocesas ao escenario do mundo. Unha perfecta fusión entre elementos sonoros das vellas e das novas escolas, sen renunciar aos rastros gaélicos das súas raíces.

Capercaillie

« Programa 2004
Escoita un fragmento en mp3:
Who will raise their voice