DOMÉNICO+2
Moreno Veloso, Doménico Lancelloti e Alexandre Kassin
Auditorio de Galicia
7 de maio de 2004. 21:00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6€ para estudantes e xubilados/as.
Moreno Veloso, Doménico Lancelloti e Alexandre Kassin son tres músicos brasileiros que iniciaron no 2000 un creativo proxecto que consiste en lanzar tres discos, modificando de cada vez o estilo e o nome do grupo. "Ante todo tiñamos a idea de facer unha triloxía coa música. Cada membro da banda fai o seu propio álbum e deste xeito podemos cambiar o enfoque en cada lanzamento que fagamos", ten explicado Doménico.
Logo de que Moreno+2 asinara o disco
Máquina de escrever música, chegou o turno de Doménico+2, á súa vez precursor de Kassin+2, que presenta en Santiago o álbum
Sincerely hot. No CD tamén participan as cantantes Thalma de Freitas e Hiromo Konishi, e os guitarristas Davi Moraes e Rodrigo Amarante.
Sincerely hot mestura sonoridades electrónicas e invencións harmónicas, nun exercicio de experimentalismo na busca de todas as posibilidades rítmicas, sen obviar as influencias do rock, a samba e o jazz. Ante todo, é o disco dun baterista e o son aumenta en esquizofrenia.
Domenico Lancellotti naceu no 1972 en Rio de Xaneiro nunha familia de ascendencia italiana. O seu pai, Ivor Lancellotti, é un coñecido e respectado compositor e cantante de samba, así que Domenico medrou moi influído polo seu ritmo. Ten colaborado con varios artistas como o Quarteto Em Cy, Daniel Jobim, Caetano Veloso, Fernanda Abreu e Adriana Calcanhotto. Nos noventa formou unha banda de rock experimental chamada ‘Mulheres Que Dizem Sim’. Nese período coñeceu a Moreno e a Kassin, que se converteron inmediatamente nos seus mellores amigos e cos que empezou a traballar.
Moreno Veloso naceu en Bahía, berce de moitísimos ritmos afrobrasileiros. En 1996 estivo nunha banda chamada Gold Nyte Warszawa facendo música experimental e tradicional brasileira. Con só 30 anos, xa ten no seu haber numerosas experiencias en xiras con artistas como Gilberto Gil o seu pai, o poeta da samba e fundador do tropicalismo, Caetano Veloso. Moreno é un cantante con moitísimas habilidades e talento para tocar varios instrumentos, como a guitarra, o chelo, a trompeta, pandeireta e percusión.
Alexandre Kassin naceu e medrou en Río de Xaneiro, é o que se chama un puro carioca. Por influencia do seu irmán, que era DJ, empezou a escoitar todo tipo de música de dentro e fóra de Brasil. Cando tiña 8 anos comprou o primeiro álbum da súa vida: un disco de Kraftwerk que o deixou completamente fascinado. En 1996 gravou o seu primeiro disco coa banda Acabou La Tequila, un disco de tex-mex e ska. Kassin sempre se mantivo no lado máis experimental e estrafalario da música. No só é baixista, tamén é un coñecido produtor.
Doménico +2
«
Programa 2004