Mª JOÂO & MÁRIO LAGINHA
Auditorio de Galicia
7 de outubro de 2004. 21:00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 €. para estudantes e xubiladas/os.
Maria Joâo e Mario Laginha presentan en Santiago de Compostela algunhas das cancións do seu novo disco Tralha, publicado neste mes de outubro. Este traballo chega despois de Undercovers, un fenómeno de vendas en Portugal, no que o dúo interpretaba versións de Tom Waits, Joni Mitchell, U2 e Björk, entre outros.
Dende que dous dos músicos máis talentosos de Portugal uniron as súas traxectorias profesionais, resulta abraiante comprobar a súa compenetración. Maria Joâo, cantante que destaca pola súa capacidade vocal e de improvisación, e Mario Laginha, pianista e compositor anovador, teñen gravados xa sete discos xuntos.
O jazz, entendido moito máis alá dos parámetros anglosaxóns, é o estilo co que Maria Joâo se fixo popular dentro e fóra de Portugal. Enriba do escenario esta artista lisboeta de orixe mozambicana combina con xenialidade o manexo da voz e a súa capacidade interpretativa. A súa evolución conduciuna a facer hoxe en día unha música sen etiquetas que recolle influencias de todos os lugares que visita cos seus espectáculos. A voz de María João está actualmente no cumio da súa arte, servíndose dela para crear espectáculos nos que a ousadía e a inventiva non teñen límite. Pola súa parte, Mario Laginha, despois de gravar con artistas como Wayne Shorter, Gilberto Gil e Django Bates, é reclamado como compositor para formacións como a Orquestra Sinfónica do Porto ou a Orquestra Metropolitana de Lisboa.
Considerados referentes non só no contexto da música portuguesa senón máis alá, actualmente, e aínda que embarcados en diferentes aventuras, o dúo é central nas perspectivas presentes e futuras de ambos. Emoción, creatividade e improvisación, son palabras ben acaídas para definir a experiencia de velos xuntos sobre un escenario.
Web de Maria Joâo
«
Programa 2004