AO PÉ DA LETRA

Marful, Xavier Díaz, Fran Pérez, Safari Orchestra, Non Residentz, Guadi Galego, Dios ke te crew

Auditorio de Galicia
14 de maio de 2004. 21:00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6€ para estudantes e xubilados/as.

'Ao pé da letra' é un punto de encontro de varios artistas e proxectos musicais galegos que queren tomar a palabra. Procedentes de universos e premisas musicais diferentes, todos comparten a vontade de dicir e de situar a voz no centro das súas creacións musicais. Tal vez iso é todo o que teñen en común, e aínda así conforman unha curiosa tribo que explora as alturas e profundidades da lingua galega no territorio da música popular contemporánea.

O café cantante de Marful, o rock intimista e experimental de Narf, o pop de sabores tropicais de Xavier Díaz, o rap suave e contundente de Safari Orchestra, a melodía postradicional de Guadi Galego, o hip hop existencial e irónico de Non Residentz ou o hip hop rabiosamente social de Dios ke te crew, exploran novos camiños de expresión musical na Galiza do século XXI. Unha conxura de voces nun escenario común.

'Ao pé da letra' plantéxase como un espectáculo colectivo creado a partir do traballo e as propostas individuais de cada artista. Un tema de presentación dalle paso ás actuacións de cada artista, enlazadas mediante un dj, que fai ás veces de mestre de cerimonias, para rematar cunha segunda versión do tema inicial máis próxima do rexistro electrónico.



« Programa 2004
Escoita uns fragmentos en mp3:
Nubes de Xavier Díaz
Distancia de Safari Orchestra
Ke non pare!! de Dios ke te Crew
Quixera de Guadi Galego
Leverelem de Marful
Animal social de Non Residentz