Chico César
Só. Concerto acústico
Auditorio de Galicia
17 de outubro de 2004. 21.00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 € para estudantes e xubilados/as.
Chico César repasa neste espectáculo intimista os éxitos da súa carreira. Volve en certa maneira á intimidade daquel primeiro disco titulado
Aos vivos, gravado en directo con voz e guitarra e que se converteu nun grande éxito de vendas. Cando se lle pregunta a Chico César que é o que xurde primeiro, se a letra ou a música, recolle a afirmación de Guimarâes Rosa: a palabra xa ten son e o son xa ten significado.
Foi primeiro compositor para outros artistas como Daniela Mercury ou Maria Bethânia e antes diso xornalista. Chico Cesar goza do recoñecemento internacional desde a segunda metade da década dos noventa. Presentouse practicamente en todos os países europeos, en Estados Unidos e no Xapón. Temas como
A Primeira Vista ou
Mamá Africa foron versionados noutros idiomas e Chico César converteuse nunha das estrelas con máis proxección do pop do Brasil. Aquel rapaz nacido en Catolé de Rocha na Paraia, no nordés, que con oito anos traballaba nunha tenda de música e que dende os vinte reside en São Paulo, ten xa cinco discos editados en solitario. O último deles,
Respeitem meus cabelos, brancos, é un canto á tolerancia, á defensa das ideas e ao respecto ás particularidades.
A súa carreira musical tamén se mide nos premios recibidos. No ano 1995 premio revelación Sharp, no ano 1996 premio MTV ao mellor videoclip por
Mama África e no ano 2001 o tema
Soberana Rosa, que se chamou en inglés
She walks this earth e que compuxera xunto a Ivan Lins e Victor Martins, deulle a Sting o Grammy ao mellor interprete vocal pop masculino. Con Galiza mantén un especial vencello e no verán do 2003 exerceu de director musical do espectáculo
Cantos na Maré na cidade de Pontevedra.
Durante o mes de outubro actuará en diferentes puntos da península, onde é un artista moi querido. Sensíbel, optimista e ousado, Chico César entendeu hai anos que quería compartir a súa música. Esa música que o levou polo mundo adiante e que agora o trae a Santiago de Compostela nun concerto acústico. Esa música de todos e sempre súa.
Chico César
«
Programa 2004