SOUAD MASSI
Deb
Auditorio de Galicia
18 de xuño de 2004. 21:00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6€ para estudantes e xubilados/as.
Souad Massi, unha das máis destacadas representantes da nova xeración de músicos alxerinos, naceu en Alxer hai 31 anos no seo dunha familia de artistas. Estudou música clásica arábigo-andaluza, solfexo e canta en árabe unha música próxima ao folc-rock.
Souad Massi estreouse como cantautora aos dezasete anos. Percorreu os escenarios de Alxeria primeiro co grupo de flamenco Triana d'Alger e logo con Atakor, banda na que estivo varios anos e que bateu marcas de vendas. O seu compromiso cos problemas sociais e políticos do seu país supúxolle numerosos problemas e tivo que abandonar por unha tempada o mundo da música para traballar de urbanista, aínda que nunca deixou de compoñer cancións.
En 1999, Souad Massi recibiu un convite para participar no festival "Mulleres de Alxeria", un certame organizado en París que lle abriría as portas do éxito. No 2001 publica co selo Island o seu primeiro traballo discográfico en solitario, "Raoui", no que conta con Bob Coke como director artístico. O álbum, a medio camiño entre o rock e a música tradicional, foi disco de ouro.
Xa instalada en París, Souad Massi tivo o tempo suficiente para madurar o seu segundo disco, Deb, coñecer outros artistas e ir de xira. Desde os primeiros acordes deste álbum, sucumbimos a un mundo sen barreiras. Cancións sobre paxaros, sons tradicionais paquistanís, entoacións xitanas, o pranto dos violoncellos, os laúdes etéreos, folk-rock cosmopolita, flamenco andaluz… a través deste disco vibrante e xeneroso, a súa voz soa chea de confianza e sensibilidade.
«
Programa 2004