Kroke
Quartet Live at Home
Auditorio de Galicia
20 de novembro de 2004. 21.00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 €. para estudantes e xubiladas/os
Co seu novo disco,
Quartet Live at Home, que acaban de publicar, Kroke chega a Santiago de Compostela para presentalo ao público galego.
Kroke é o nome do grupo creado no ano 1992 por tres amigos, Tomasz Kukurba, Jerzy Bawol e Tomasz Lato. Kroke é tamén a palabra yidish coa que se coñece a cidade polaca de Cracovia. Alí se formaron estes tres músicos que toman como base o repertorio tradicional e reinterpretan o son klezmer, que designa a musica tradicional instrumental dos xudeus do leste de Europa que falan yidish. En todas as súas celebracións, sexan vodas ou romarías, non falta a música klezmer.
Admiradores da música clásica, do jazz, dos ritmos ciganos e da new age, os integrantes de Kroke integran todas estas influencias no seu repertorio creando un tipo de música exótica coa que teñen trunfado nos máis prestixiosos festivais de Europa.
Arranxos orixinais e improvisacións dan pé a novas composicións que tentan describir a vida dos xudeus en Europa. O virtuosismo de Tomasz Kukurba no violín, viola e voz, Jerzy Bawol no acordeón, e Tomasz Lato no contrabaixo, teñen dado como froito seis discos.
Publicado en setembro de 2004,
Quartet live at home é o seu sexto disco e nel participa como artista convidado o percusionista Tomasz Grochot e xurdiu de dous concertos celebrados consecutivamente en Radio Cracovia en outubro do pasado ano.
Compartiron escenario con artistas como Van Morrison, Natacha Atlas ou Ravi Shankar. Nos seus concertos maniféstase a vontade dunha música que describe tristezas e alegrías, transportando ao público dende a meditación introspectiva até o xúbilo exultante.
Ao longo dos anos a música klezmer enriqueceuse con outras influencias, proceso no que estes tres amigos de Cracovia teñen moito que ver.
Kroke
«
Programa 2004