Berrogüetto

Desolasons

Auditorio de Galicia
22 de decembro de 2004. 21:00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 € para estudantes e xubiladas/os.

A mediados do mes de maio de 1998, Berrogüetto atopouse cunha proposta pouco común da produtora audiovisual Faro: realizar a banda sonora dunha serie documental de sete capítulos sobre enerxías alternativas para Canal+, denominada Renovart. Para a súa gravación e produción utilizáronse só enerxías renovábeis e o escenario elixido para a rodaxe do primeiro capítulo foi as Illas Cíes.

Catro anos despois, Galiza é o epicentro da maior catástrofe ecolóxica xamais sufrida na península, o desastre do Prestige. O escenario idílico das Cíes onde anos atrás Berrogüetto gozara dunha das experiencias máis gratificantes da súa vida musical estaba anegada de fuel. Co espírito do 98, Berrogüetto leva a escena a súa música solar, a expresión da gratitude e a esperanza nunha sociedade que entendeu a magnitude da traxedia. Un traballo especial composto por un CD e un DVD que ven a luz despois do verán 2004.

Sempre con propostas que van máis alá dun conxunto de cancións, os músicos de Berrogüetto (Anxo Pintos, Santiago Cribeiro, Guillermo Fernández, Quim Farinha, Guadi Galego, Quico Comesaña e Isaac Palacín) achéganse ao seu décimo aniversario sentíndose uns privilexiados que fan o que lles gusta. A súa música estivo sempre vinculada á natureza, á terra, ao mar. Non é de estrañar que a curiosidade os conducira a querer saber como é o son dunha posta de sol ou dunha corrente de ar.

En 1996 editaban Navicularia e ao ano seguinte obtiñan o Premio da Crítica en Alemaña abrindo unha porta en Europa á música galega de raíz e convertendo o seu directo na mellor tarxeta de presentación. No ano 1999 chegaba Viaxe a Urticaria e dous anos máis tarde Hepta, unha experiencia musical combinada coa fotografía, a pintura e a arquitectura da man de George Rousse, que motivou que a crítica os situara na elite da música de raíz. Dentro de Galiza recibiron o premio Opinión e, no exterior, foron finalistas ao Grammy Latino 2002.

Berrogüeto é un grupo preocupado porque a sociedade global non acabe coa grande riqueza que supoñen as diferenzas culturais. A fórmula para que Berrogüetto vaia cumprir dez anos, non só cos favores da crítica e do público, senón cun feixe de proxectos bulindo na cabeza, está no seu talento á hora de compoñer, pero tamén na filosofía da que rodean o seu traballo. Berrogüetto é unha factoría de ideas nas que a música se funda con outras artes na procura de elementos sonoros innovadores. Sensacións vivas para un estilo de vida máis humano, co que, incluso, seremos capaces de descifrar o que nos din o sol e o vento.

Berrogüetto

« Programa 2004
Escoita un fragmento en mp3:
Natnasu