Michael Nyman
Celebración do 60º aniversario
Auditorio de Galicia
26 de novembro de 2004. 21.00 h.
12 €. Tarifas reducidas de 6 €. para estudantes e xubiladas/os
O compositor Michael Nyman trae a Santiago de Compostela o espectáculo musical co que está a conmemorar o seu 60 aniversario. Londres, cidade na que naceu, rendeuse aos seus pés nesta data tan especial.
Recentemente estreouse no Teatro Nacional a obra
Power, de Nick Dear, con música do compositor, e a Orquestra da BBC elaborou un programa durante o pasado verán baseado nunha selección de bandas sonoras realizadas por Nyman para a gran pantalla. Películas como
O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante, de Peter Greenaway,
O Piano, de Jane Campion,
Carrington, de Cristopher Hampton, ou
Wonderland, de Michael Winterbottom, popularizaron o traballo do compositor londinense.
Cando Michael Nyman publicou o seu estudo sobre
Experimental Music: John Cage and Beyond (1974), non se deu conta da contribución que suporía. Desinteresado polas correntes ortodoxas do modernismo internacional do momento, Nyman deixou a composición en 1964 e comezou a traballar como musicólogo. Máis adiante, dedicouse á crítica musical para varios xornais como
The Spectator, no que se converteu no primeiro en utilizar o termo 'minimalismo'.
Logo de regresar aos seus traballos de composición, fixo os arranxos das cancións venecianas do século XVIII para a produción de
Il Campiello de Carlo Goldoni (1976), para o que Nyman reuniu o que describiría como a banda máis orixinal que un podía imaxinar: sacabuches, chirimías xunto con banxos, bombo e saxofón. Tras engadir o seu piano e chamarlle Michael Nyman Band, esta banda converteuse no laboratorio no que Nyman desenvolveu o seu estilo musical en enérxicas melodías e ritmos tan flexíbeis como decididos.
Nos últimos anos ten dado un novo tratamento a clásicos como Mozart e colaborado estreitamente cos mestres da música india. As súas partituras, ademais de no cine e no teatro, chegaron aos videoxogos e ao mundo da moda. "Nyman demostra en cada un dos seus traballos ser unha persoa práctica e ter unha evidente disposición á colaboración, un áxil sentido do humor, unha imaxinación cultivada e unha instintiva habilidade para atraer a unha gran audiencia" (Nick Kimberley).
Michael Nyman
«
Programa 2004