LHASA


A vida na estrada

Auditorio de Galicia
1 de maio. 21.00 horas
12 €. Estudantes e xubilados/as 6 €

Nominada en tres categorías (Premio ao Mellor Disco do Continente Americano, Premio ao Mellor Disco de Mestizaxe e Premio da Crítica) dos Premios BBC/Radio 3 co seu disco The Living Road, Lhasa vén de conseguir o galardón ao Mellor Disco do Continente Americano. Ten como modelos a músicos da talla de Billie Holiday, Chavela Vargas, Björk, Tom Waits ou Jacques Brel. Pero, sen dúbida, o que máis chama a atención dela é a súa presenza. Lhasa canta en inglés, francés e castelán, e o seu segundo disco, The Living Road, está acaparando a atención de crítica e público.

Lhasa pasou a súa infancia nun autobús escolar viaxando coa súa familia e cunha morea de cans, gatos, paxaros e tartarugas polos Estados Unidos e México. Das experiencias viaxeiras da infancia de Lhasa quedou o seu gusto por limar as distancias físicas e unir as tradicións do pasado e do presente. Hoxe, as súas cancións e a súa sofisticada forma de interpretalas están dando a volta do mundo.

Esta filla dun mexicano e dunha estadounidense comezou cantando cancións de Billie Holiday nun café de San Francisco aos trece anos, para continuar a súa carreira musical en Montreal, onde vive actualmente. Admiradora de Chavela Vargas, de Amalia Rodrigues e de Maria Callas, Lhasa gravou o seu primeiro disco La llorona no ano 1997. Triunfou en todo Canadá, obtendo un disco de platino, e nun país como Francia chegou aos 300.000 exemplares vendidos. La llorona falaba dunha serea da mitoloxía azteca que enfeitizaba aos homes coas súas melodías.

Antes de emprender a gravación do seu segundo disco, Lhasa veu un dos seus soños cumpridos. Uniuse en Francia ás súas tres irmás, artistas circenses, e xuntas montaron un espectáculo no que traballaron durante unha longa tempada. En Marsella compuxo boa parte dos títulos do que é The Living Road, que gravou en Montreal co percusionista François Lalonde e o pianista Jean Massicotte. The Living Road é unha metáfora da vida como unha estrada. A súa orixinal maneira de unir tradicións e o feito de cantar en tres idiomas diferentes confiren a Lhasa unha extraordinaria propiedade para cruzar fronteiras.

O pracer da música nostálxica e emotiva é reivindicado por esta muller á que sempre gustaron as melodías e as letras tristes, convencida de que na vida non existe nada igual ao anterior. Nada se repite e existe "unha forza misteriosa que non nos permite ancorarnos en nós mesmos, que nos obriga a manter vivo o cambio. O camiño está vivo, non podemos conxelalo ou paralo".

Web oficial de Lhasa

« Programa 2005
Escoita en mp3 un fragmento de
Con toda palabra