Cesária Évora

Do porto de Mindelo ao cumio da world music

Auditorio de Galicia
10 de novembro. 21.00 horas
18€. Estudantes e xubilados 9€

"A miña canción é alegre e rica e é triste e saudosa". Así define a súa música Cesaria Évora, a súa morna, a música nacional de Cabo Verde. Cinco millóns de discos vendidos en todo o mundo e o seu ascenso ao cumio da world music avalan a esta muller que camiña sempre descalza desde o porto de Mindelo ata os portos de todo o planeta. Co seu último disco, Voz d´Amor, conseguiu no ano 2004 o Premio Grammy ao Mellor Álbum de Música do Mundo contemporánea.

"Aos portugueses gustáballes moito a miña voz, os mariñeiros levábanme aos barcos, eran barcos de guerra, pero nas tabernas non había só portugueses, había mariñeiros de todas as razas e países". As lembranzas de Cesaria Évora rememoran a infancia en Mindelo, naquel Cabo Verde, colonia de Portugal, onde a vida era un continuo chegar e partir de barcos. No momento da independencia de Cabo Verde, en 1975, Cesaria levaba xa máis de vinte anos cos seus pés descalzos cantando. Pechouse na casa durante dez anos ata que un día decidiu volver cantar e a súa voz levouna a Lisboa para gravar un disco. De alí partiu cara a París e o seu nome comezou a soar en todo o mundo.

Catro xeracións volveron con ela ao arquipélago desde París nun vello Ford. Cesaria xa era unha figura da música, que a conduce de África a Europa e de Europa a América. A súa actividade discográfica e artística non cesou desde a década dos oitenta. O grande éxito comercial chegaría no ano 1992 con Miss Perfumado, un disco co que encheu durante dúas noites seguidas o Olympia de París para presentarllo ao público francés, concertos que se transformaron nun disco en directo. Máis tarde Goran Bregovic convidaríaa a participar na banda sonora da película Underground de Emir Kusturica e colaborou con Caetano Veloso, grande admirador seu, no proxecto solidario Red Hot and Río.

A súa voz grave e as súas mornas sitúanse na fronteira entre a melancolía absoluta e a calidez. Nostalxia polo que se queda atrás, pero esperanza de volver recuperalo algún día. Os últimos anos foron un ir e vir entre descansos no seu Cabo Verde natal. Cabo Verde é precisamente o titulo do disco publicado no ano 1997 ao que seguiron o recompilatorio Best of…, Café Atlántico (1999), São Vicente de longe (2001) e Voz d´amor (2003).

Recoñécese como unha muller africana que gusta de volver aos sitios en que cantou anos atrás. Sen diñeiro ou con el, o sentimento é o mesmo, di. Di que así como un día deixou aos homes atrás, un día próximo decidirá abandonar o éxito. Mentres, cando sobe ao escenario, esta muller africana leva consigo o arrecendo de Cabo Verde na pel e o sentimento, ese que non muda, na ollada.


Web de Cesária Évora

« Programa 2005
Escoita en mp3 un fragamento de Velocidade