Malkit Singh
A banda sonora da factoría Bollywood
Auditorio de Galicia
18 de marzo. 21.00 horas
12 €. Estudantes e xubilados/as 6 €
O rei do bhangra, esa música que dos campos indios de Punjab saltou ás discotecas londinenses, participou nas películas
Quero ser como Beckam, de Gurinder Chadha, e
A voda do Monzón, de Mira Nair. Malkit Singh chegou a Inglaterra nos anos oitenta, nun momento en que as novas xeracións anglo-hindús buscaban un estilo musical que os identificase, tal como os afroamericanos fixeran co hip hop. Así chegan ao bhangra sintetizadores, samplers e baterías electrónicas e Malkit Singh convértese nun dos novos gurús deste estilo.
Malkit Singh naceu en 1963 en Hussainpur (Punjab). Conseguiu entrar no prestixioso Khalsa College de Jalandhar (Punjab) con só catro anos, grazas ás súas cualidades como cantante, xa que a idade mínima permitida era de seis anos. Alí foi educando a súa voz cos mestres máis respectados da tradición folclórica do Punjab. Cando gañou o prestixioso festival 'Golden Voice' no Punjab aínda non sospeitaba que o seu talento e a súa forza conseguirían transportar o bhangra dende os costumes máis tradicionais ás pantallas de cine indio da potente industria de Bollywood en Mumbai ou aos ambientes culturais e vangardistas de occidente.
Aínda que algunhas persoas trataron de convencelo para que se quedase na India, Malkit Singh quería triunfar entre os chamados
british asians. O seu impresionante debut co álbum
Nach Gidde Wich, gravado en vintecatro horas, estivo seguido, en 1987, do maior éxito de popularidade ata ese momento da nacente industria da música bhangra,
Gurh Nalon Ish Mitha. Nos anos noventa, Malkit Singh decide fusionar o dinamismo da música bhangra con influencias da música reggae e con elementos da música techno como o house, o jungle e o drum'n'bass. Partindo do sinxelo ritmo do dhol, o bhangra transfórmase nunha música na que as melodías asiáticas se mesturan cos xéneros occidentais de actualidade.
Neste período, Malkit Singh publicou vinte discos. Actuou no Lincoln Center (Estados Unidos), no Andheri Stadium (India), no Victoria and Albert Museum (Inglaterra), no Maple Leaf Gardens (Canadá) e en moitos outros prestixiosos escenarios, onde ata ese momento só era coñecido o sitar e a táboa como instrumentos musicais da India. Hoxe conquista novas audiencias que descobren o mundo do bhangra, esa música brillante, divertida e emocionante que empezou sendo un baile de labradores e que hoxe arrasa nas pistas de baile de medio mundo, nas pantallas de cine e nos anuncios de televisión.
Web oficial de
Malkit Singh
«
Programa 2005