Bebo Valdés
O mestre do jazz latino
Auditorio de Galicia
22 de febreiro. 21 horas.
18 euros. Estudantes e xubilados 9 euros.
Quedan só dúas ou tres figuras cimeiras da época de ouro da música cubana. Unha delas é Bebo Valdés. No ano 2000 participou na película de Fernando Trueba
Calle 54. A semana seguinte a esta rodaxe, gravou en Nova York
El Arte del Sabor, en trío con Cachao e Patato e con Paquito D’Rivera como convidado de excepción, un repaso pola música cubana que conseguiu dous premios Grammy. No 2003 gravou en Madrid
Lágrimas Negras co
cantaor Diego
El Cigala, un dos grandes éxitos musicais dos últimos tempos. Posteriormente, viaxou con Trueba a Brasil para participar xunto a Carlinhos Brown na película
El milagro de Candeal.
A fama chegoulle logo de décadas na música. Ten 85 años de idade e é o pai de Chucho, o xenial creador de Irakere. Bebo comezou a súa carreira profesional como pianista dunha das orquestras máis populares da época, a de Julio Cueva, para a que compuxo o mambo
La rareza del siglo na década dos corenta. Poucos anos antes, Cachao cambia o curso da música cubana co seu danzón
Mambo. A Bebo correspondeulle ser un dos primeiros orquestradores do novo xénero, vestíndoo de luxo.
Bebo sumouse á orquestra de Armando Romeu en Tropicana e en pouco tempo convértese no asesor musical do célebre cabaré. O produtor Norman Granz, entusiasmado pola reacción ao jazz afrocubano en Nova York, encomendoulle a Valdés en 1952 a primeira descarga de jazz cubano que se gravou na illa. Nestas datas, a orquestra de Valdés, 'Sabor de Cuba', escoitábase na radio ao e largo da illa para deleite dos bailadores. Un dos vocalistas é Beny Moré, que se inspirou na formación para crear a súa propia big band.
Bebo continuou compoñendo. Ao comezo dos sesenta en México, foi director musical do autor chileno de boleros Lucho Gatica. Foii de xira por Europa cos Havana Cuban Boys e, en Estocolmo, namorouse, casou e sumiuse no máis profundo anonimato. Pasaron máis de trinta anos. O 25 de novembro de 1994, Bebo recibiu unha chamada de Paquito D’Rivera, convidándoo a gravar un novo disco en Alemaña. Tres días despois, D’Rivera produciu
Bebo Rides Again, colección de clásicos cubanos e orixinais de Valdés, compostos especialmente para a ocasión. O tempo non pasa en van. Soa mellor ca nunca e comeza unha nova carreira aos seus setenta e seis anos.
O mestre cubano do jazz latino, Bebo Valdés, pianista, responsábel de arranxos, compositor e director musical, preséntase en xira en formato de cuarteto xunto a Javier Colina, recoñecido como un dos mellores contrabaixistas europeos, Efraín Porro ás tumbadoras e o seu fillo Rickard Valdés ás pailas. A crítica coincide en que cada vez a música de Bebo Valdés soa mellor. As escalas endiañadas que consegue cos seus artríticos e elegantes dedos son un auténtico pracer para os oídos.
Web oficial de
Bebo Valdés
«
Programa 2005