Mariza
O fado transparente
Auditorio de Galicia
30 de outubro. 21.00 horas
12€. Estudantes e xubilados 6€
Adoptada internacionalmente como a embaixadora do fado no mundo, o talento de Mariza tena feito merecedora do recoñecemento da crítica e do público internacional. Entre os galardóns recibidos durante o pasado ano destacan os tres concedidos pola BBC Radio, entre os que se atopa o Premio á Mellor Artista Europea de
World Music, e a distinción en Portugal como Persoeiro Portugués do Ano.
Transparente, o terceiro disco de Mariza, consegue que os corazóns de quen o escoitan latexen a maior velocidade.
Se ben non chegou ao fado por casualidade, Mariza, convencida desde nena que quería ser cantante, iniciouse no
soul e no
funk. Cando o produtor e musico Jorge Fernando a escoitou unha noite cantar fados de maneira ocasional, quedou tan abraiado que lle suxeriu a gravación de todo un disco. Fado en mim foi o traballo de presentación desta muller nacida en Mozambique pero cuxa infancia transcorreu no barrio lisboeta da Mouraria.
Do fado clásico pasou ao fado que ela define como "orgánico" no seu segundo disco
Fado curvo, producido por Carlos María Trindade, coñecido non só polo seu importante traballo como produtor senón tamén por tocar os sintetizadores no grupo Madredeus. Con este disco, Mariza consegue unha moi rápida repercusión internacional con exitosas xiras por Europa e os Estados Unidos. As colaboracións medran e Mariza canta con Sting, con Teresa Salgueiro e Cesária Évora, entre outros artistas.
O ano 2005 é o de
Transparente, disco que saíu publicado en Portugal o 25 de abril, cando se conmemoran 31 anos da Revolución dos Cravos, e que foi gravado en Rio de Janeiro. Son catorce cancións, con arranxos e produción do músico brasileiro Jaques Morelenbaum, director musical de Caetano Veloso e músico de artistas como Milton Nascimento, Gal Costa ou Ryuichi Sakamoto.
Trátase dun traballo que, en palabras da artista, "pretende tratar o fado con dignidade e sen impoñer límites, pero recoñecendo a liña que debe seguir". A madurez de Mariza queda reflectida en temas como
Duas lágrimas de orvalho, que interpreta acompañada só polo violonchelo de Morelenbaum, e que amosa que os compases do fado chegan a todo o mundo.
Web de
Mariza
«
Programa 2005