Pablo Milanés
Troba de amor e compromiso
O concerto é 5 de marzo.
No Auditorio de Galicia ás 21:00 horas.
A entrada custa 20 euros, 10 para estudantes e xubilados/as.
Máis de vinte discos e o recoñecemento internacional avalan a Pablo Milanés, o trobeiro cubano que con cada novo traballo e cada novo concerto recolle a simpatía dun público fiel e entregado. O seu último disco,
Coma un campo de millo, recolle toda a súa esencia de cantautor. Algúns dos temas son de composición recente, outros datan de cando Pablo Milanés tiña entre os 18 e os 21 anos e tamén inclúe un poema de Pablo Neruda. Como sempre, o predominio da palabra marca o traballo do cubano.
Fundador do movemento da Nova Troba Cubana, Milanés posúe unha das voces máis recoñecíbeis de todos os tempos dentro da música da illa. Nas últimas décadas vén sendo unha referencia estética para a renovación dos xéneros populares cubanos. No ano 1967 pasou a formar parte do Centro da Canción Protesta da Casa das Américas, xunto a Silvio Rodríguez e Noel Nicola. Tras a súa etapa vinculado ao Grupo de Experimentación Sonora do
ICAIC, no ano 1975 constitúe o seu propio grupo independente, Milanés. Ao longo dos seguintes anos compón música para longametraxes e máis de trinta documentais e series de televisión.
Máis de un cento de xiras desde 1970 e un público que se espalla por todo o mundo fan de Pablo Milanés un músico querido e requirido. Condecorado en múltiples países e con distincións como a
Luigi Tenco, que lle outorgou o italiano Festival de San Remo no ano 1994, Pablo Milanés preside a Fundación que leva o seu nome e que se dedica á promoción da cultura cubana. Elemento de cohesión estética, cronista e protagonista do tempo que lle toca vivir, Pablo Milanés volve sorprender con cancións de palabra e compromiso.
Web sobre
Pablo Milanés
«
Programa 2006