Naná Vasconcelos
O mago da percusión
O concerto é o 13 de maio.
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas.
A entrada custa 15 euros. Estudantes e xubilados/as 7,50 euros.
Naná Vasconcelos (Juvenal de Holanda Vasconcelos), nacido en Recife, Pernambuco (O Brasil), en 1944, veu ao mundo respirando os maracatús e os tambores da súa terra.
Comezou a tocar aos doce anos co seu pai, que era violinista, na banda municipal de Recife pero a súa curiosidade levouno a recoller influencias musicais tan variadas coma Villa Lobos, o gran compositor brasileiro, ou Jimi Hendrix.
Naná, chamado
o mago da percusión, é agora un dos instrumentistas máis solicitados internacionalmente. Especializado en instrumentos de percusión do Brasil e, sobre todo, no berimbau, crea co corpo e a voz fascinantes sons e consegue nos concertos unha total compenetración co público.
Ao longo da súa traxectoria gravou tres álbums con Egberto Gismonti e formou parte do grupo Codona con Don Cherry e Collin Walcott. Tamén ten tocado con Pat Metheny, B.B. King , Jean Luc Ponty, Talking Heads, Trilok Gurtu e Jan Garbarek, entre outros moitos.
No ano 2005, ao cumprir 61 anos de vida e máis de 30 de labor profesional, Naná lanzou o cd
Chegada. Nel, a canción que lle dá nome foi concibida orixinariamente na década dos anos 70, cando Naná vivía en París. A imaxe do primeiro negro que pisou Brasil serviulle de inspiración, e xurdiu tocada co corpo: voz e percusión corporal. Trinta anos despois, frauta, violonchelo, acordeón, piano, congas e varios instrumentos de percusión danlle unha peculiar sonoridade visual.
En
Chegada, Naná actualiza o rexionalismo cunha variedade de ritmos e estilos, creando unha interesante contraposición coa intervención do violonchelo e do piano. Para logralo, conta cunha banda formada por César Michiles (frauta), Gabriel Geszti (piano e acordeón), Lui Coimbra(violonchelo, charanga e guitarra) e Lucas dos Prazeres (percusión).
Asistir a un espectáculo de Naná é unha experiencia moi especial. As súas historias e as súas características convérteno, probabelmente, no percusionista máis revolucionario da historia da música popular do Brasil. Falar de Naná é falar da transcendencia musical e dunha profundidade e intensidade na execución das pezas percusivas que fan del un dos mellores percusionistas do mundo, premiado sete veces pola revista americana
Down Beat.
Web de
Naná Vasconcelos
«
Programa 2006