Habana Blues Band, Lamatumbá e Ruxe Ruxe

Despedida ata o outono

O concerto é o mércores 21 de xuño.
Ás 21.00 horas na Praza da Música, diante do Auditorio de Galicia.
É de balde.

Sons quere saír á rúa para despedir o primeiro semestre de concertos e achegarse á xente, e para iso organizou este concerto de peche para os que vai a contar coa presenza de tres bandas de primeira orde: a cubana Habana Blues Band, a ourensá Lamatumbá e a compostelá Ruxe Ruxe, que vai camiño de sacar un novo disco.

Habana Blues Band
Dicir Habana Blues é falar dun dos maiores éxitos do cine español durante o pasado ano. Como consecuencia do papel central que xoga a música no filme de Benito Zambrano xurde un grupo, a Habana Blues Band, que nos leva da man á nova escena musical que está nacendo nas rúas da capital cubana. Trátase de sons que serven de ponte entre os ritmos máis tradicionais -a salsa, o son, a guajira- e outros como os que chegan do rock ou do rap.

Trala súa presenza durante 2005 en festivais de referencia como Pa' Vigo me voy ou La mar de músicas e logo de colgar o "non hai entradas" na maioría das súas actuacións -así ocorreu, por exemplo, durante a súa presentación na Sala Arena de Madrid- Habana Blues Band continúa a súa viaxe a este lado do Atlántico. Entre os seus membros atópanse Dayán Abad e Kiki Ferrer, autores de boa parte das cancións incluídas na banda sonora da película, editada por DRO Atlantic. Xunto a eles, outros músicos destacados na escena actual cubana como Kelvis Ochoa ou Boris Larramendi, coñecidos tamén polo seu traballa por outro dos grupos máis destacados daquel país, Habana Abierta.

Un crítico tan prestixioso como Diego A. Manrique di deles no xornal El País: "todo funciona: sobre estruturas de rock ortodoxo, irremediabelmente métense as idiosincrasias musicais da illa. Un público entusiasmado ratifica o poder de seducción dunha música brava que, aínda que nacida na escaseza, está preñada de esperanza".

Lamatumbá
Lamatumbá é unha das propostas máis frescas e irreverentes do actual panorama musical galego. Unha mestura orixinal de reggae, samba, rumba e rock que sorprende polo seu carácter propio. Dende 1998 o seu nome é sinónimo de festa alí por onde pasa. Ese ano prodúcese o seu debut artístico no mítico O Moucho de Ourense e colaboran na Feira das Mentiras, festival organizado por Manu Chao en Santiago de Compostela... A partir de aí milleiros de persoas xa puideron navegar en directo a bordo deste barco que se move sen fin por un océano de lume e de soles.

Ademais dos dez compoñentes do grupo, outros grandes músicos contribuíron a darlle forma a este proxecto artístico, como Guadi Galego, Manolo Maseda ou Lola de Ribeira. Todos eles lle deron forma ao seu primeiro disco e o único ata agora no mercado: Lume (para que saia o sol), disco sincero e moi persoal que arrecende a mares tropicais e a rías galegas. Un traballo, producido por Kaki Arkarazo -produtor, entre outros de Chucho, Manta Ray, Fermín Muguruza ou Amparanoia- que recolleu excepcionais críticas e que conta con temas como Lume, Reggae dos mariñeiros ou Na noite, xoias da fusión feita para a festa. Preto de seiscentas persoas acudiron á última chamada de Lamatumbá no Museo de Arte Contemporánea (MACUF) da Coruña co galo do Día das Letras Galegas e, para este verán, o grupo conta xa cunha apertada axenda dentro e fóra de Galiza.

Ruxe Ruxe
Din deles que teñen o mellor directo do rock galego. Despois de dez anos de traballo e catro discos ás súas costas, os Ruxe Ruxe son hoxe unha das propostas máis interesantes da música galega. Unha banda que se formou en 1996 na aldea de Aríns, en Compostela e que nestas anos ten mesturado como poucos o rock and roll coa música tradicional galega dende unha actitude punk Unha chamativa proposta de instrumentos eléctricos e elementos rockeiros, xunto a outros máis tradicionais, como a gaita. As súas letras son en galego e falan do cotián e da realidade que rodea á banda, sempre dende o prisma do realismo máxico, mesturando o contido social coa poesía.

Os Ruxe Ruxe teñen tocado por toda a Península, sempre con grande acollida de público, e compartido escenario con músicos da talla de Wolfstone, Siniestro Total, Kepa Junkera, Berrogüetto ou budiño, entre outros. Polo momento, o grupo ten catro discos no mercado e están á espera do seu quinto traballo, Comercial, que nuns días estará na rúa para unirse a:
-Fervendo (2004), coa participación de Julián Hernández (Siniestro Total) e do Maestro Reverendo.
-A terra dos comentos (2003).
-Non temos medo (2000).
-Ruxe Ruxe (1999).

Web de Lamatumbá.
Web de Ruxe Ruxe.

« Programa 2006
Escoita en mp3 un tema de Habana Blues Band
Escoita un mp3 de Ruxe Ruxe
Escoita en mp3 un tema de Lamatumbá