Toumani Diabaté & Symmetric Orchestra

O mestre da cora

O concerto é o 28 de abril.
No Auditorio de Galicia ás 21:00 horas.
A entrada custa 15 euros. Estudantes e xubilados/as 7,50 euros.

Jazz-jugalbandi-griot, así se define un son propio cunha base instrumental cultivado en Malí por Toumani Diabaté, considerado como o mellor músico de cora do mundo e todos os novos músicos dos que se rodea. Membro activo e dinámico da comunidade musical de Malí, este virtuoso da cora viaxou por todo o mundo para dar a coñecer esta variante da harpa (con 21 cordas) que pertence á tradición de África Occidental.

Toumani Diabaté pertence a unha vangarda: a da nova xeración de griots que procuran a constante renovación da tradición. Logo de pasar un tempo formando parte das bandas que acompañan as máis importantes voces de Malí, Toumani Diabaté gravaou seu primeiro disco en solitario no ano 1986, baixo o título de Kaira. Tratábase do primeiro disco gravado ata o momento cunha cora como único instrumento e aínda hoxe é un éxito de vendas.

Despois disto viñeron as colaboracións co grupo Ketama e o inicio do seu traballo coa Symmetric Orchestra. Nos noventa, sintetizadores e caixas de ritmos chegaron a Malí, pero Toumani preferiu seguir renovando cunha perspectiva acústica.

A música de Toumani Diabaté ten unha expresividade que procede do poder da tradición griot de Malí, á que el incorpora novos territorios. A música, sen dúbida, é un gran recurso en Malí. Toumani fundou, construíu, financia e dirixe unha escola de música, a Mandinka Music Productions, que en Barnako acolle os mozos e mozas que queren aprender a tocar os instrumentos tradicionais e a bailar e que ademais promove eventos culturais.

No ano 2003 recibiu o Tamani D´or, premio ao mellor cora do mundo, e, ao ano seguinte, o recoñecemento da Unesco. Comezou a traballar coa discográfica World Circuit en 2004, nun proxecto que é a edición dunha triloxía da que a primeira parte leva por título In the heart of the Moon (No corazón do Lúa), un álbum a dúo con Ali Farka Touré. En febreiro de 2006 saíu á venda a segunda entrega do proxecto: o disco de Toumani Diabaté & Symmetric Orchestra, Boulevard de l'Indépendance.

Discografía escollida de Toumani Diabaté

  • Kaira (1987)

  • Songhai 1 (1988)

  • Shake the whole world (1992)

  • New Ancient Strings (1998)

  • Jarabi-Best of (2001)




« Programa 2006
Escoita en mp3 o tema:
Ya Fama