JANE BIRKIN
Rendez vous
O sábado 1 de decembro.
Ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.
O prezo das entradas é de 15 euros; con rebaixa a 7,50 euros para estudantes e persoas xubiladas.
Jane Birkin naceu en Londres, filla da actriz e cantante Judy Campbell. Jane debutou como actriz aos 17 anos no teatro Haymarket, pero foi nun musical,
Passion flower hotel, cando a moza Birkin realizou o seu debut como cantante.
Despois dunha primeira experiencia como actriz de cine na película
The knack, de Richard Lester, foi contratada por Antonioni para protagonizar
Blow up, film que logo conseguiu a Palma de Ouro no Festival Internacional de Cine de Cannes. En 1967 Jane decide mudarse a Francia. Contratada polo cineasta francés Pierre Grimblat para a súa película
Slogan, coñeceu o seu compañeiro de reparto Serge Gainsbourg, cantante e músico. Entre eles xurdiu un amor a primeira vista que marcaría as súas vidas. Jane e Serge convertéronse nunha das parellas de moda na escena parisiense, acaparando os titulares en 1969 cunha canción sutilmente inquietante,
Je t'aime moi non plus. Canción ofensiva segundo algúns e unha delicia para outros, o certo é que propiciou o escándalo. Converteuse nun éxito no mundo enteiro.
A súa voz fráxil, tenue, sempre a punto de romperse permaneceu como a súa marca distintiva e foi utilizada con intelixencia por Gainsbourg, que adaptou as súas cancións ao timbre de voz de Jane. Compuxo para ela.
Durante 12 anos, Jane e Serge permaneceron xuntos e convertéronse nunha parella popular, adorada polo público e os medios. Durante este feliz período, Jane actuou nunhas 30 películas, incluíndo moitas comedias, algunhas intrigas de detectives e na ópera prima de Serge, unha obra mestra, titulada
Je t'aime moi non plus en 1975. Ao tempo continuou coa súa carreira de cantante, gravando catro discos que construíron a súa imaxe de Lolita. A principios dos 80 sepárase de Serge Gainsbourg e xorde a intención de desfacerse da imaxe de moza inglesa inxenua e divertida. Serge Gainsbourg continuou compoñendo para ela, pero as súas cancións volvéronse solemnes, complexas. O seu disco
Baby alone in Babylone foi un gran éxito en 1983. En 1987 deu o seu primeiro concerto en Le Bataclan, unha antiga sala de concertos de París, e pouco a pouco comezou a estabelecer unha conexión co seu público. En 1996, o disco
Version Jane foi un tributo final a Gainsbourg, que morrera uns anos antes, e incluía unha escolma das súas cancións, que Jane interpretou no templo parisiense da música L'Olympia.
En 1998, publicou o seu primeiro disco sen Serge Gainsbourg, titulado À la légère, con cancións escritas por 12 compositores contemporáneos franceses. En 1999 o músico Djamel Benyelles orientalizou algúns dos temas de Gainsbourg. Dese proxecto xorde o seu novo disco
Arabesque, publicado no ano 2002. En 2004, Jane Birkin lanzou
Rendez vous, un disco onde Jane ten unha serie de encontros únicos e atractivos cun universo de estrelas francesas e internacionais. No seu último álbum,
Fictions, Jane contou cun marabilloso equipo de compositores, Rufus Wainwright, Arthur H, Dominique A e Cali, entre outros.
A xira coa que visita Sons da Diversidade chámase
Rendez vous, espectáculo no que interpreta temas do disco do mesmo nome, de
Fictions e tamén temas de Serge Gainsbourg.
Consulta a web oficial de
Jane Birkin.
«
Programa 2007