MERCEDES PEÓN
Sihá
O sábado 17 de novembro.
Ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.
O prezo das entradas é de 15 euros; rebaixado a 7,50 euros para estudantes e persoas xubiladas.
Enerxía. Innovación. Voz propia. Rabia e sentimento. Terremoto musical. Estes e outros moitos adxectivos poboan as críticas e artigos cando se refiren a Mercedes Peón, que desde a súa cidade natal, A Coruña, triúnfa por todo o mundo. A viaxe ao pasado que iniciou aos trece anos cos seus traballos de recollida converteuse nunha inesgotábel fonte de enerxía para esta muller, que co seu segundo disco
Ajrú deixa claro que a calidade e contundencia das súas propostas explican o seu éxito e prestixio no mundo da música. Fronte á proposta de Mercedes Peón, non cabe a indiferenza; trátase dunha voz que remove os cimentos da música galega.
Coa chegada do século XXI Mercedes Peón deu un paso adiante coa edición de
Isué, o seu primeiro disco como compositora, música e cantante que entusiasmou a crítica e público. Con este traballo discográfico conseguiu ser mellor artista de Europa 2001 pola BBC, mellor artista por Folkworld e mellor artista pola World Chart Europe. Con
Isué Mercedes Peón percorreu así mesmo as citas musicais máis prestixiosas de World Music e levou a súa música a Bélxica, Francia, Eslovenia, Reino Unido, Portugal, etc.
O seu segundo traballo,
Ajrú, é un compendio de ritmos frenéticos e melodías íntimas onde a voz de Mercedes Peón se converte no berro da música galega do século XXI. Tribal e moderno. Libre e escrito en feminino, tal como asegura a cantante. Ajrú é un berro de ledicia vencellado ás festas populares tan habituais en Galiza e tamén é o berro particular de Mercedes Peón, co que reivindica a diferenza e a personalidade dos seus temas.
A crítica ten dito ao respecto deste segundo disco da compositora e cantante que acada unha calidade e unha orixinalidade extraordinarias. Trátase dun concepto máis alá da tradición e do folclore. Mercedes Peón procura o seu propio e persoal camiño reivindicándose como compositora e define este segundo disco como un traballo "libre, sincero, cheo de sentimentos propios e atemporal".
Sihá, o novo traballo de Mercedes Peón, saíu ao mercado neste ano 2007. Unha xoia para os nosos ouvidos. Un espectáculo cheo de forza, dinamismo e sentimento. A experiencia de ver e ouvir a Mercedes Peón enriba do escenario convértese nunha festa para os sentidos
Consulta a web oficial de
Mercedes Peón
«
Programa 2007