SARA TAVARES
Balancê
O venres 19 de abril.
Ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.
A entrada ten un prezo de 15 euros; con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas (7,50 euros).
Sara Tavares comezou no mundo da música con tan só 16 anos, da man dun concurso que a levou a representar a Portugal no festival de Eurovisión con 17 anos, gravar un primeiro disco en clave de soul e gospel anglosaxón e poñer voz a algunha canción da factoría Disney. Tan só un par de anos despois comezou a colaborar con artistas da relevancia de Alá dos Namorados e a figurar en producións xunto a Gaiteiros de Lisboa ou Rui Veloso, tamén foi convidada polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño a participar no seu
Zume de Terra.
Despois da súa maduración como artista, que supuxo a destrución da súa primeira imaxe, gravou o que se podería considerar o seu primeiro traballo con estilo e afirmación persoais:
Mi Ma Bo, producido polo congolés afincado en París, Lokua Kanza. Conseguiu o seu primeiro disco de ouro en Portugal e merecido recoñecemento por parte da crítica especializada en música de raíz do país luso, comezando a súa colleita de éxitos en distintos festivais africanos como o HIFA de Zimbawue (edicións 2001 e 2002) e o Popdeurope (festival de sons migratorios).
Actualmente Sara está presente no núcleo dos novos artistas máis interesantes do panorama musical portugués e o seu novo traballo
Balancê, foi definido como unha aproximación musical entre Cabo Verde, Brasil e Portugal.
Balancê é o traballo con 13 temas no que Sara Tavares pon fin a 5 anos de silencio.
Balancê, é un conxunto de emocións transmitidas a través da música: unhas, máis solares, invitan á danza; outras, de carácter máis lunar, convidan ao oínte á introspección. E, igual que o son e o ritmo, cun leve engadido de sofisticación europea, se desenvolven ao redor das raíces africanas da artista, Balancê, é, así mesmo, palabra: cancións en crioulo, en inglés mesturado a modo de afroportugués (lingua lusa cicelada de novo ao crioulo e argot angolano orixinado na comunidade emigrante afincada en Portugal) conforman este traballo.
A formación que acompaña a Sara Tavares (que ademais de cantar toca a guitarra), configúrana Fernando Carlos (co baixo), Fernando Embaló (coa batería e as percusións) e Ricardo Alves (coa guitarra).
Web oficial de
Sara Tavares
«
Programa 2007