SANTIAGO AUSERÓN
Coa Original Jazz Orquestra Taller Músics
O sábado 20 de outubro.
Ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.
O prezo da entrada é de 15 euros; 7,50 euros para os e as estudantes e as persoas xubiladas.
Falar de Santiago Auserón é citar a figura dun trobador eléctrico contemporáneo, cunha esencia fortemente literaria nas súas cancións. Tras un primeiro encontro con motivo da celebración dos 25 anos do Taller de Músics, para a que Enric Palomar realizou un arranxo de
La negra flor -un dos temas máis emblemáticos de Radio Futura-, naceu a idea de refacer os grandes temas de Santiago Auserón, da etapa de Radio Futura e da etapa de Juan Perro, coa Original Jazz Orchestra do Taller de Músics.
A orquestra está composta por vinte e dous músicos, dirixida para a ocasión polo propio Enric Palomar e responsábel agora de catorce brillantes e suxestivos arranxos.
Santiago Auserón intérnase con decisión na aventura de redefinir a súa prestixiosa traxectoria como escritor de cancións, coa axuda dunha banda de músicos mozos que interpretan con alento e inspiración un repertorio do que se senten especialmente cómplices e baixo a dirección dun mestre experto e refinado, que abriu oco na súa dedicación sinfónica e operística para facer constar o seu afecto pola música popular dos nosos días. Todos eles gozan do risco creativo que supón o proxecto e saben como facer participar ao público do mesmo pracer.
O Taller de Músics nunca interrompeu, ao longo da súa existencia, a tradición de manter en activo unha big band, pasando por diferentes etapas e directores. Varios son os discos que o demostran e recordan, como o que recolle á dirección de Zé Eduardo, con Tete Montoliú ao piano.
Na actualidade a Original Jazz Orquestra Taller de Músics está dirixida por Vicens Martín, profesor do Taller de Músics dende 1990, que ten unha traxectoria de seis anos á fronte da dirección das dúas big bands de Taller de Músics e que ten participado en seminarios e master-class con prestixiosos músicos como Chick Corea, Pat Metheny ou Bebo Valdés, entre outros.
Con todos eles preparémonos para escoitar e recordar cancións xa míticas como
La negra flor,
Veneno en la piel,
El tonto Simón,
Semilla negra, entre outras.
Web oficial de
Juan Perro e a da Orquestra
Taller de Músics
«
Programa 2007