Sons na Rúa

Oojami, Black Bum e Blasted Mechanism

O 21 de xuño.
Ás 21:00 horas no Campus Sur.
É de balde.

Para despedir a tempada de primavera Sons da Diversidade ofrece unha vez máis un concerto de balde e ao aire libre, é o segundo concerto Sons na Rúa que desta volta trae até o Campus Sur as bandas: Oojami, Black Bum e Blasted Mechanism; ademais de Lord Keisson e Fundación Intemperie.

Oojami


O grupo anglo-turco liderado por Necmi Cavli non deixa indiferente a ninguén, sempre anovadores, sempre diferentes, mostra a realidade plural dos sons das grandes urbes do século XXI.

Inspirados polo traballo pioneiro de Natacha Atlas e Transglobal Underground de mesturar ritmos modernos con elementos árabes tradicionais, os seus temas teñen a enerxía da música de baile pero con máis contido cultural: os sons tradicionais do laúde e a darbuka comparten protagonismo coa electrónica e o tecno británicos.

A música de Oojami, está orientada ao ritmo, pero gústalle usar partes melódicas para facela diferente: hai tanto influencias turcas como asiáticas e africanas. Usaron mostras de bosquimanos halaharis de Sudáfrica. Probaron con músicos en Indonesia, Ghana, Marrocos, etc. Aínda que o elemento maior é o turco.

O espectáculo, que conta con Derviche e unha bailarina de ventre, é un máxico percorrido musical a través das culturas.

Black Bum


Considerado un dos grupos revelación deste ano en Galicia, Black Bum combina na súa música diferentes influencias de música negra: samba, funk, jazz, reggae, hiphop, electrónica...

A historia comezou no 2005 a partir das primeiras reunións e jams de samba na Bamba Café da Coruña. O grupo foise conformando coa chegada dos novos integrantes procedentes de distintos universos musicais e con diferentes experiencias no mundo da música. Tras gañar o Foundation Reggae Festival sucedéronse as actuacións por todo o país.

Este ano 2007 o grupo encóntrase en fase de gravación da súa segunda demo e está a ser requirido para actuacións nos mellores eventos e locais do noso territorio.

O son de Black Bum sorprende, convida a bailar e deixa bo sabor de boca alá onde se presenta, facendo que xentes de todas as idades, condicións e gustos gocen do seu carácter e singularidade no directo.

Blasted Mechanism


Os Blasted Mechanism apostan pola innovación escénica, polo atrevemento e pola orixinalidade. Actualmente, son a proposta máis destacada da música alternativa en Portugal e a súa posta en escena non ten nada que ver co visto ata o de agora.

Centrados no rock, estes estraños mutantes, inventores dun dialecto propio (o karkoviano), mesturan a electrónica con sons ancestrais. O grupo recurre a varios elementos musicais e instrumentais exóticos, habituais na música tradicional das máis diferentes latitudes e culturas como didgeridoos ou trompas tibetanas.

A banda formouse no 1996, dende entón compartiron escenario con grupos como Rage Against the Machine, Moby, Marilyn Manson, Beck, The Prodigy, Asian Dub Foundation, Nick Cave e Chemical Brothers, entre outros. O pasado ano eran nominados por segunda vez como a mellor proposta portuguesa nos premios MTV Europa.

Os Blasted Mechanism veñen de lanzar o seu cuarto disco Sound in Light, unha viaxe á procura da espiritualidade. Quince novos temas, entre o rock industrial e a electrónica, con fortes influencias da 'world music' que, con toda seguridade, abducirán ao público.



« Programa 2007