MILLADOIRO

Unha estrela por guía. Homenaxe a Manuel María

O sábado 24 de febreiro.
Ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.
O prezo da entrada é de 15 euros; con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas (7,50 euros).

Internarse no universo poético de Manuel María é botar a andar nun labirinto que percorre a complexidade existencial, vital, ideolóxica, dun home, dun poeta que fai dos misterios da alma lúcida metáfora da sinxeleza, diríamos hoxe no minimalismo dun verso: só unha estrela por guía.
Cada un dos recunchos da súa obra foi construíndo un rico e abondoso mosaico que foi asomando o seu brillo e esplendor a medida que se achegaba o poeta á idade "sabia" na que completar o arco da vella da súa ollada: Manuel María lúcido, tenro, crítico, acedo, irónico, combativo, existencialista, intimista, sinxelo, carnal, optimista e pesimista a un tempo, vital... e un longo etcétera que se podería resumir en dúas palabras do noso himno: bo e xeneroso.

Para Milladoiro foi máxico poder reencontrarse nalgúns casos, noutros lembrar, e en moitos descubrir, os mil homes posíbeis que habitaban no poeta: desde o home de amor á súa muller, Saleta, ata o home de amor ao seu país, Galicia, amor de compromiso no verso e na acción, pasando polo home que fixo bandeira do noso idioma. Tamén o que pousa a súa ollada sobre unha realidade-real como é a dos labregos, ou aquel que loita contra os que estragan a fala decote desde púlpitos diversos e, por suposto, o home das cousas pequenas, achegadas: casa, paxaros, árbores, camiños, lugares nos que naceron os recendos da súa infancia alá na Terra Chá, a terra na que unha estrela guiaba os seus pasos.

Web oficial de Milladoiro

« Programa 2007
Escoita en mp3 o tema:
Os meus outonos