No Auditorio o 1 de xuño

Rufus Wainwright

Compositor e intérprete de excepción

Domingo, 1 de xuño
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 20 euros, con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas

O actual príncipe do pop non ten rival en cotas de ambición, opulencia e glamour artístico. Nado nos Estados Unidos pero criado en Canadá e residente en Nova York, Rufus é fillo de dúas figuras da música pop estadounidense, Loudon Wainwright III e Kate McGarrige, ademais de irmán da vocalista Marta Wainwright. Ambos irmáns xogaron un papel importante no disco-película de homenaxe a Leonard Cohen, I'm your man, do ano 2005.

Aínda que estudara piano dende os 6 anos, o seu sensacional debut homónimo prodúxose en 1998, e con el gañou o premio ao Mellor Novo Artista do Ano pola revista Rolling Stone. Co novo século, Poses (2001) confirmouno coma un excepcional cantautor de beleza insuperable e gran sensibilidade. Ironía, ego e exhibicionismo a corazón aberto, ademais da súa orgullosa condición de icona gai, son as armas que fortalecen o seu status de artista á marxe de todo.

Posteriormente chegaron Want one (2003) e Want two (2004). Baixo os fabulosos arranxos de Isobel Griffiths e Gavyn Wright (habituais de Bjöjk) e a produción de Marius de Vries conforman o seu opus máis elexíaco. Inclúen extractos de misas en latín, aromas do bolero de Ravel, orquestracións paradisíacas, reggae de cor de rosa e dúas portadas complementarias que o mostran coma un cabaleiro con espada e coma dama de Shalott violada e afogada. Refrenda así a súa condición de artista total.

No ano 2007 edita Release the stars, un espectáculo íntimo, decadentemente agridoce e único.

O cantante e compositor que adora a Franz Schubert e é apaixonado da música de Pet Shop Boys, viste en cancións de formato pop o seu amor pola ópera e a música clásica. A súa voz está adestrada o mesmo para o rock que para a ópera e o musical e séntese cómodo co barroquismo das súas cancións.

En directo é pura grandilocuencia, sensibilidade e intensidade ao tempo. Amor e desamor, ópera, drogas, alcol, familia, xeografía, heroes coma Judy Garland, Elton John ou Leonard Cohen, todo isto e máis é o que atoparemos na música e letras deste artista de Nova York.



« Programa 2008
Escoita en mp3 o tema:
Going to a town