No Auditorio o 9 de novembro
Manu Dibango
O camerunés que trouxo o makossa
Domingo, 9 de novembro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas
Manu Dibango chegou a Europa como un estudante de tan só 15 anos, mais grazas ao seu extraordinario talento e o seu amor crecente polo jazz, pronto optou por unha vida consagrada ás aventuras de tipo musical. Co jazz soando en cada recanto, París era o lugar perfecto para
Manu onde escoitar e aprender.
Manu descubriu a música de Armstrong, Ellington, Young e Parker e toda a vida multifacética do ambiente do jazz parisiense.
A súa primeira estadía na capital francesa foi relativamente breve, xa que o gran Kabasele invitou a Manu a tocar música congolesa co seu grupo, African Jazz. Aceptou a invitación e regresou a África. O seu amor polo jazz, dunha banda e a música tradicional africana, doutra, incitárono a experimentar para combinar varios estilos diferentes e crear a súa propia mestura. Coa súa curiosidade innata e a súa sensibilidade,
Manu sempre se interesou por estilos diverxentes e diferentes músicas. Unha primeira toma de contacto coa súa música déixalle a quen escoita un regusto de jazz, reggae, rap e outros elementos.
En 1972
Manu tivo o seu primeiro grande éxito con Soul makossa, que funcionou moi ben nos Estados Unidos, primeiro, e no resto do mundo despois; axudou a difundir o coñecemento da música africana e a romper algúns prexuízos musicais comúns. Manu descubriu o pracer de levarlles a contraria ás ideas atrincheiradas sobre o purismo. O seu propósito era, e aínda o segue sendo, construír pontes entre os continentes.
Manu gravou e editou máis de 20 álbums. Hoxe, ademais de xirar por todo o mundo, pasa bastante tempo apoiando e alentando a músicos novos e loitando por causas humanitarias. Entre outros moitos premios e mencións especiais, Manu Dibango foi nomeado en 2004 "artista da UNESCO para a paz ", pola súa contribución ao desenvolvemento das artes, da paz e do diálogo entre as culturas do mundo.
O pasado ano, Manu cumpriu os seus 50 anos de música e, lonxe de pensar na xubilación, continúa con xiras e gravando discos. Os últimos,
Lion of África, un cd-dvd gravado en homenaxe ao tamén saxofonista africano Fela Kuti no décimo aniversario da súa morte, e agora apresenta
African Woodoo, unha colección de cancións compostas, interpretadas e dirixidas por Manu Dibango para o cine, televisión e publicidade nos anos 70, que nunca antes se publicaran en formato CD.
«
Programa 2008