No Auditorio o 13 de abril
Tom Zé
Vangardismo sonoro, poesía e compromiso
O domingo 13 de abril
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, co 50% de desconto para as persoas xubiladas e os/as estudantes
Namorou da música moi pequeno, ao escoitar a Luiz Gonzaga, Jackson do Pandeiro e os grandes cantores. Aos 17 anos, descubriu a viola e a súa vida mudou. A música tornouse máis forte na súa vida e converteuse nun compositor que se inspira tanto nas ideas coma nos sons. Participou nos anos 70 nos shows que foron semente do Tropicalismo xunto a Caetano Veloso, Gilberto Gil, Gal Costa ou María Bethânia, entre outros. Tom Zé achegoulle ao movemento a súa forma de compor, a súa ruptura de padróns e a súa antimúsica, que mesturaba o rico folclore cun certo primitivismo atemporal e unha elaboración extremadamente avanzada.
A finais dos 80, sen embargo, Zé desalentado, estivo a punto de abandonar a música completamente. De feito, estivo a piques de asumir a dirección dunha gasolineira coa súa compañeira cando soubo que David Byrne o estaba a buscar. Byrne de visita por Río de Xaneiro, descubriu o disco
Estudando samba, e ao fundar o selo Luaka Bop en Nova York, tivo a Tom Zé coma o seu primeiro contratado. O cd
The best of Tom Zé foi elixido coma un dos mellores discos do 1990 polo xornal
The New York Times. No ano 99, a revista
Rolling Stone colocouno entre os mellores discos da década.
Con defeito de fabricaçâo (1998) proxectou o compositor tamén como performer nunha xira americana. As xiras europeas suscitaron o interese do público e da gran crítica internacional polo autor e polo seu repertorio.
En 2000 chegou
Jogos de armar, da Trama, primeiro lanzamento por unha discográfica brasileira despois de 20 anos. O compositor inventa instrumentos experimentais e ousadías formais desafiando unha vez máis a creatividade musical do seu tempo.
Non é preciso ser un/unha erudito/a para gozar da música de Tom Zé, pero axuda. Zé é un xénero en si mesmo, un mestre de cerimonias inflexible cun talento para ordear forzas poderosas que manifestan as súas visións idiosincrásicas musicais.
En Santiago preséntase con
Danç-Êh-Sá – Dança dos herdeiros do sacrificio, que ten como tema as rebelións e levantamentos das poboacións negras e indíxenas do Brasil, non moi destacados pola historia oficial. Tom Zé fala deses acontecementos nun disco eminentemente musical, fortemente rítmico, cunhas letras formadas por onomatopeias e sonoridades verbais, sen recorrer a versos explícitos.
O cd recibiu numerosos premios e foi elixido coma o mellor de
MPB en 2007. Tamén o pasado ano, Tom Zé foi elixido coma mellor compositor e gañou o Premio Shell.
A mocidade é hoxe o público maioritario de Tom Zé. Ao escoitar as sonoridades e a singularidade da súa música enténdese esa afinidade, baseada nunha permanente e rebelde ousadía.
- Visita a páxina web oficial de Tom Zé
«
Programa 2008