No Auditorio o 13 de decembro

Aynur

Melodías ancestrais con guitarras eléctricas

Sábado, 13 de decembro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para estudantes e persoas xubiladas

A música forma parte da vida de Aynur dende nena. Creceu escoitando música e cancións, os grandes poemas e melodías do pasado, que, segundo palabras de Aynur, acaban sendo parte de ti mesma. Froito deste contacto constante coa música recoñeceu as enormes oportunidades artísticas que existían na mestura de palabras, canto e música nas culturas do seu país. En Turquía a cultura cambia de cidade en cidade e a tradición musical curda alawita (próxima á doutrina xiíta), á que Aynur pertence, é moi diferente á de Siria ou Irán.

No 92, a súa familia trasládase a Istambul, onde comeza a recibir clases de baglama, o laúde tradicional turco por excelencia. Unha das influencias máis importantes nesa primeira etapa foi o guitarrista Erkan Ogur, artista innovador na música turca. As súas gravacións lograron manter viva a tradición musical turca para as seguintes xeracións e esa mestura do antigo e o novo caracteriza tamén a música de Aynur. Tamén exerceron influencia nela as músicas de Oriente Medio, Irán, Estado Español, Grecia e Latinoamérica, igual que a voz de cantantes como Tracy Chapman. Pero o que máis poderosamente marcou o seu estilo foi a gran tradición barda do leste de Turquía, onde os trobadores ían de cidade en cidade cantando tanto as súas propias composicións como as venerables cancións transmitidas de xeración en xeración a través dos séculos.

Aynur non cre que a súa música xogue un papel político. Di que o que máis lle interesa é que a música fale de amor, de emocións, da alegría e da amargura da vida, aínda que recoñece que ás veces a manifestación desas emocións que aparecen nas súas cancións pode xurdir de sucesos políticos.

Aynur ten publicados catro discos en Turquía, cos que conseguiu un grande éxito, con importantes eloxios da crítica internacional; foi portada de importantes revistas como Follk Roots ou Times, onde se fala dela como un dos máis fieis expoñentes da riqueza cultural turca.

A fermosa voz de Aynur entoa cos seus múltiples rexistros melodías ancestrais e explica historias relacionadas coa súa cultura; os instrumentos propios do seu país, como os davuls, mestúranse harmonicamente con guitarras eléctricas e sintetizadores. Unha demostración de complicidade entre tradición e modernidade.


  • Visita a web oficial de Aynur


« Programa 2008
Escoita como soa:
Ahmedo
Nedan Vermediler