No Auditorio o 15 de marzo
Uxía
A voz do Atlántico
O sábado, 15 de marzo
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo das entradas é de 15 euros, con desconto do 50% para estudantes e persoas paradas
Uxía, logo de vinte anos de carreira artística, converteuse nunha das voces máis populares e valoradas do noso país. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional cun tratamento anovador e persoal, representando un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.
O seu novo disco é o traballo musical de quen navega ao sabor das ondas dun mar que aproxima e une correntes. Contando, cantando e sumando voces á súa propia, emprende un "eterno navegar" no que sente e nos fai sentir brisas mariñeiras, arrecendos e sabores salgados de Cabo Verde, e mesmo a soidade da Costa da Morte galega. Viaxa polo verde e polo deserto, polo día luminoso e polo solpor.
Cancións coma
Danza ritual,
As nosas cores ou
Eterno navegar son ricas en contrastes singulares, Uxía conxuga á perfección o compás dos tambores coas doces melodías galegas.
Da man do pianista e compositor dos Azores, Paulo Borges, e acompañada por unha magnífica banda preséntanos o seu novo traballo, no que funde o fado, o alalá e a morna para destilar un único perfume. Parte da tradición e das atmosferas do seu lugar de orixe, Galicia, percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista, nunha pluralidade de linguaxes.
Con eles partiron nesta travesía numerosos colaboradores, o tamén azoriano Zeca Medeiros, as voces de Tito París e Sara Tavares, músicos galegos, portugueses, africanos e brasileiros nunha conxunción inaudita e moi saborosa.
- Consulta o que di a Wikipedia de Uxía
«
Programa 2008