No Auditorio o 16 de maio

Laurie Anderson

A arte de contar historias

O venres, 16 de maio
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
A entrada custa 20 euros, con desconto do 50% para estudantes e persoas xubiladas

Dos Estados Unidos provén a polifacética artista de vangarda Laurie Anderson: Creadora de partituras para cine, teatro e danza, a artista explota ademais outras ramas da arte como a fotografía, a poesía e a arte visual.

A discografía de Anderson suma gravacións coma Big science (1982), onde aparece o seu exitoso O Superman que acadou o número dous nas listas de pop británicas; Mister Heartbreak (19984); a banda sonora da súa película Home of the Brave (1986); Strange angels (1989); Bright red (1994); The ugly one with the jewels (1995) e Life on a string (2001), por mencionar algúns.

Nos seus discos colaboraron, entre outros: Peter Gabriel, Brian Eno, Jean Michel Jarre ou Lou Reed, líder da banda The Velvet Underground e parella sentimental da artista.

Caracterizada por un espírito visionario, plasma as súas inquedanzas na montaxe e na realización de distintos espectáculos multimedia, cos que mereceu o título dunha das artistas de performance máis influíntes na escena contemporánea.

Coñecida como a "sacerdotisa da arte radical", non deixa de sorprender coa súa peculiar forma de entender a creatividade artística de vangarda, nun constante fluxo narrativo que transmite á audiencia historias reais e imaxinarias, coma a vida mesma, inmersas nunha voráxine tecnolóxica que hoxe en día se ten convertido nun universo novo e cambiante onde múltiples camiños se abren para a artista e para o público en xeral.

A compositora e cantante ofrecerá o seu espectáculo Homeland, un híbrido entre poema, obra e concerto, no que utiliza a linguaxe da electrónica e a sensualidade da poesía para dar a súa visión da Norteamérica do século XXI, tratando temas coma a obsesión americana coa seguridade, a distancia, a información, a relación entre o medo e a liberdade, a crecente aceptación da violencia e a nova linguaxe da guerra.



« Programa 2008
Escoita en mp3 o tema:
Lost art of conversation