No Auditorio o 17 de febreiro
Ute Lemper
Un versátil e sofisticado repertorio
O domingo, 17 de febreiro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 20 euros, con desconto do 50% para persoas xubiladas e estudantes
A carreira de Ute Lemper é extensa e variada. O seu amplo, versátil e sofisticado repertorio –que inclúe cancións berlinesas de cabaret, cancións francesas e as misteriosas xoias de Bertolt Brecht e Kurt Weill- outorgoulle fama internacional tanto como cantante de gravacións, coma no mundo do teatro, do cabaret e do cine.
Naceu en Münster (Alemaña) e completou os seus estudos en The Dance Academy de Colonia e na Escola de Drama Max Reinhardt de Viena. Entre os innumerables premios concedidos a Ute Lemper, podemos citar un Olivier (1998) pola produción londinense de
Chicago, o premio Molière como Mellor Actriz de Cabaret (
Savary), o American Theater Award polo seu papel en
Chicago (Broadway) e numerosos premios internacionais.
Considerada unha das mellores voces alemás, posúe unha extensa discografía con máis dunha vintena de álbums no mercado. Os seus concertos, que inclúen
Recital Kurt Weill,
Ilusións ou
Cabaret berlinés celebráronse nos lugares máis prestixiosos do mundo coma La Scala, o Théâtre de la Ville, o Palau de la Música, a Ópera de Sydney, o Alice Tully Hall e o Lincoln Center ou o Teatro Herbst.
A carreira interpretativa de Ute Lemper xurde dun compromiso apaixonado e duradeiro coa arte, coa política e coa historia, e dunha relación polémica e complexa coa súa patria e o seu pasado. Pero, a súa estética e o seu repertorio, intensos e complexos, van moito más alá do seu compromiso con Alemaña. O seu traballo reflicte outros horizontes filosóficos e culturais, outras políticas e outros tempos.
Para investigar e comprender totalmente a historia do seu país, investigou con grande éxito outras tradicións europeas e tamén americanas. Ute explorou a chançon francesa desde Edith Piaf, Jacques Prévert, Joseph Kosma e Serge Gainsbourg ao poeta belga Jacques Brel. Tamén cultivou o repertorio contemporáneo do rock alternativo, desde Tom Waits e Elvis Costello a Nick Cave no seu álbum
Punishing kiss e, finalmente, creou o seu propio material orixinal, rexistrado no seu álbum
But one day.
A versátil cantante alemá, afincada en Nova York, presentará coa súa intensidade emocional un variado repertorio de obras. Dende o cabaret ata obras inspiradas na literatura dos existencialistas do París dos anos 60, pasando polas súas propias composicións.
«
Programa 2008