No Auditorio o 18 e 19 de outubro
Fuxan os ventos
Letras de pólvora, vinte anos despois
O sábado 18 e o domingo 19 de outubro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
A entrada custa 20 euros, con desconto do 50% para estudantes e persoas xubiladas
Moitos aspectos da música actual de Galiza non se entenderían sen
Fuxan os Ventos. Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación, o espectáculo
Terra de soños bríndalles a oportunidade de gozar de Fuxan os Ventos tanto á xente que os coñece, lembra e ten aínda presentes como ás novas xeracións. Estas, por veces, sen seren conscientes do que significou o grupo para a música tradicional galega, herdaron cantos populares como A
Carolina ou
Sementeira, que xa forman parte do ouvido musical deste país.
Fuxan os Ventos foi, nomeadamente, un grupo comprometido coa identidade de Galiza e cos atrancos que esta sociedade tivo que superar ao longo da súa historia recente. Foron, e son, un grupo que soubo transmitir as súas letras de pólvora e chegar a todas as capas da sociedade e en galego, cousa impensábel na metade da década dos setenta.
Co espectáculo
Terra de soños, Fuxan os Ventos volverán subir ao palco en compañía dalgunhas das súas mellores amizades e, ao tempo, daranlle saída ao traballo discográfico homónimo, coa edición desta actuación en directo en formato
digipack (CD, DVD e libriño).
Na resolución do estreitísimo vinculo entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do noso folk, atópase o eixe que vertebra este
Terra de soños, amais das colaboracións dalgúns dos máis destacados nomes do panorama galego actual, como son Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní ou Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos contará co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto.
Con oito discos editados e unha traxectoria de máis de trinta anos, Fuxan os Ventos xa traspasou fronteiras e xeracións. Porén, dende o recoñecemento e a posta en valor da súa achega á cultura galega contemporánea, cunha visión renovada e actualizada, é hoxe cando se presentan máis que necesarios.
«
Programa 2008