No Auditorio o 26 de abril
Baldo Martínez Grand Ensemble, Projecto Miño
Alento de vangarda para a música tradicional
Domingo, 26 de abril
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
Projecto Miño é unha das obras máis emocionantes, ambiciosas, exuberantes e intelixentes que viviu a música dunha e doutra beira do Miño nos últimos tempos. Síntese coral do jazz máis avanzado e da tradición máis arcaica, a beleza melódica e o caudal rítmico da aposta creativa do Baldo Martínez Grand Ensemble converten este proxecto nunha monumental homenaxe ás músicas tradicionais populares que xorden arredor do Miño, fundíndoas coa música contemporánea e dándolles vida co alento da vangarda.
Nove músicos cunha variedade tímbrica sorprendente poñen en escena o Projecto Miño. Baixo a dirección de Baldo Martínez, actúan Maite Dono, German Díaz, Chiaki Mawatari, David Herrington, Antonio Bravo, Alejandro Pérez, Pedro López e Lucia Martínez. Todos eles destacan dentro do panorama musical internacional e teñen a capacidade creativa precisa para reinterpretar, dende a modernidade, a identidade musical popular.
Presentado en novembro de 1999 no Festival de Guimaraes, o Projecto Miño funde a música que se fai dunha e doutra beira do río nun conxunto de pezas orixinais baseadas en cancioneiros de música tradicional do norte de Portugal, de Pontevedra, de Ourense e de Zamora. O resultado é unha obra altamente persoal e convincente, enmarcada dentro das correntes actuais do jazz europeo e cunha raíz autóctona moi forte. A excepcional calidade artística do proxecto foi recoñecida pola revista
Jazz Magazine, que o escolleu como un dos mellores discos de xaneiro de 2008, e pola SGAE, que o nomeou como mellor álbum de jazz para os Premios de la Música do ano pasado.
«
Programa 2009