No Auditorio o 28 de febreiro
Lura
As raíces rurais da diva cosmopolita de Cabo Verde
Sábado, 28 de febreiro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
A diva cosmopolita da música caboverdiana afonda nas súas raíces rurais cunha viaxe que vai do R&B aos ritmos máis auténticos da terra dos seus devanceiros.
Funaná,
batuku, mazurca..., a música é unha parte esencial da vida diaria do arquipélago atlántico e ten un sabor diferente en cada illa. Lura camiña entre as illas e os seus ritmos da man das xentes de Cabo Verde. Xentes que, como di a expresión que dá nome ao álbum,
M’bem di fora, deixaron o campo na busca dunha vida mellor.
A historia de Cabo Verde é unha historia de migracións. De viaxes de ida e de volta. Os pais de Lura tiveron que abandonar o arquipélago cara a Lisboa na busca dunha vida mellor e, anos máis tarde, a súa filla volve na busca das xentes, da cultura e dos ritmos que eles deixaron atrás.
A bailarina e cantante caboverdiana naceu en Lisboa. Aos dezasete anos, interpretou un dúo coa estrela da música africana Juka, e o mundo descubriu o potencial da súa voz, o seu timbre fondo e as súas inflexións sensuais. Pouco despois, gravou un disco de baile cun estilo crioulo caboverdiano de fondo, ao que seguiría un cóctel de R&B e
zouk, o ritmo de moda entre a mocidade de Cabo Verde.
O seu terceiro disco, o primeiro verdadeiramente caboverdiano,
Di Korpu Ku Alma, foi un éxito rotundo no arquipélago e na diáspora, debido á forza identitaria de
Vazulina, unha canción que falaba do afán das mulleres africanas por cambiar a natureza do seu pelo con fixador. Agora, catro anos máis tarde, Lura reafirma a súa identidade, que é a da enorme riqueza musical das illas atlánticas, con
M’bem di fora, as raíces rurais da diva cosmopolita de Cabo Verde.
- Visita a web oficial de Lura
«
Programa 2009