No Auditorio o 29 de marzo
Keren Ann
Sons que pintan un mar transparente e fondo
Domingo, 29 de marzo
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
Nacida en Israel, criada en Holanda e afincada en Francia, Keren Ann mestura a
chanson francesa e o folk intimista con sons modernos e refinados para obter un suave folk-pop envolvente e ensoñador. O seu ultimo álbum, que chamou sinxelamente
Keren Ann e que gravou entre París e Nova York co trompetista israelí Avishai Cohen, é unha proposta musical luminosa, conmovedora e sorprendente.
Keren Ann converteu o seu primeiro álbum,
La biographie de Luka Philipsen (2000), cantado integramente en francés, nunha chiscadela á célebre canción de Suzanne Vega "Luka" e nun emotivo recordo á súa avoa materna, Philipsen. Ann compuxera todas as cancións do disco con Benjamin Biolay, con quen tamén colaborou no seu seguinte traballo,
La disparition, e máis no exitoso álbum
Chambre avec vue, que supuxo a volta á música de Henri Salvador. O seu terceiro disco,
Not Going Anywhere (2003), supuxo a súa entrada no mercado anglosaxón, que consolidou co cuarto álbum, Nolita, e que vén confirmar agora con Keren Ann, gravado entre París e Nova York coa colaboración de Avishai Cohen, un trompetista israelí de gran talento cun estilo moderno e versátil.
Neste o seu quinto traballo, uns arranxos e unha produción máis maduros ofrecen sutís sorpresas envoltas en cancións fermosas e fondas nas que mestura harmónicas con guitarras cíclicas, cordas con ecos medievais, sons de spaguetti western con delicados coros e trompetas con percusións distorsionadas. Son cancións sinceras, nas que cada son flúe naturalmente do anterior até fundirse no seguinte. Cancións coas que Keren Ann, acompañada pola trompeta de Avishai Cohen e polo piano de Shlomi Shaban, pintará para nós un mar transparente e fondo.
«
Programa 2009