No Auditorio o 30 de maio

Miguel Poveda



Sábado, 30 de maio
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas

Un amplo abano de cantes flamencos dan conta en Tierra de calma da sensibilidade e do dominio dos rexistros expresivos da voz de Miguel Poveda. Cantiñas, soleás, tientos e tangos, tonás, seguiriyas, bulerías, malagueñas, abandolaos ou aproximacións flamencas á copla, toman vida nunha voz que pode soar con forza ou deixarse levar por melismas de gran delicadeza e de sutís arabescos. A guitarra de Chicuelo, a percusión de Paquito González e as palmas de Carlos Grilo e Luis Cantarote, visten de flamenco clásico a voz persoal, sensíbel e poderosa de Miguel Poveda.

O cantante de flamenco catalán ten gravados seis discos e ten participado nos principais festivais nacionais e internacionais. O seu último traballo, Tierra de calma, recibiu numerosos premios e foi proposto para os Premios de la Música e máis para os Grammy Latino, experiencia que xa vivira co álbum Suena flamenco. Recibiu tamén o premio do público da pasada edición do Festival de Jerez con Sin Frontera e o Premio Nacional de Música de 2007, "pola súa gran calidade e versatilidade e polo interese que xerou noutros ámbitos da creación".

Poveda busca ir máis alá da imaxe tópica do cantante de flamenco e por afondar noutros terreos alleos ao flamenco máis ortodoxo. Este interese na busca da arte noutros xéneros, deuno a coñecer a públicos non habituados ao flamenco. Especialmente significativas foron as súas colaboracións con artistas doutras disciplinas como Santiago Auserón, Enrique Morente, Israel Galván, Eva La Yerbabuena, Martirio, Rodolfo Mederos ou Mariza, así como a súa participación en películas de Bigas Luna (La Teta y la Luna), de Carlos Saura (Fados) e do francés Nicolas Klotz (La question humaine).




« Programa 2009