No Auditorio o 9 de maio
Benjamin Biolay
A cara máis rockeira da chanson
Domingo, 9 de maio
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
La Superbe é un dobre disco épico. O cautivador quinto álbum de Benjamin Biolay é unha ópera urbana inspirada por Serge Gainsbourg e Chet Baker que fala de amores novos e de amores perdidos, que conta a historia dunha relación que acaba por non funcionar. Un traballo feito co máis sereno e delicioso abandono. Unha proposta chea de crescendos dramáticos e refinados arranxos de corda.
O cantante, compositor, letrista, multi-instrumentista, produtor, arranxista e actor francés aprendeu a tocar o violín, a tuba e o trombón antes de coller unha guitarra. Creceu coas rimas de Serge Gainsbourg, a voz de Morrissey e a trompeta de Chet Baker, mestura perfecta para expresar a melancolía. Gañou o prestixioso premio Victoire De La Musique co seu primeiro traballo,
Rose Kennedy, e ao longo dos anos editou discos que só poden ser definidos como persoais. Ás veces máis rockeiros, ás veces máis románticos, pero sempre fondamente persoais. Como autor, Biolay compuxo temas para a súa irmá, Coralie Clément; para amigas como Keren Ann; para a agora primeira dama francesa, Carla Bruni; e para lendas como Juliette Gréco, Françoise Hardy, Valérie Lagrange, Henri Salvador ou Julien Clerc.
Coas súas cordas marca da casa e o seu sentimento melancólico, a música de Benjamin Biolay é pausada e ardente, como a súa propia imaxe.
La Superbe é unha viaxe en compartimento de luxo ao París de Etienne Daho, Bashung, Gainsbourg e Michel Legrand. Xunto con Air, Daft Punk e Phoenix, Biolay é, sen dúbida, un dos protagonistas da escena musical francesa da última década.
«
Programa 2009