No Auditorio, o 12 de decembro

Orquestra Árabe de Barcelona

O son mestizo da integración

Sábado, 12 de decembro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

O segundo disco da Orquestra Árabe de Barcelona, Maktub, recolle os sons mestizos do Mediterráneo para falar de paz, de integración, de tolerancia e de convivencia. Mohamed Soulimane dirixe esta rica mestura de música árabe, que xorde da tradición marroquí e bebe das fontes máis diversas ata converterse na mellor carta de presentación de Barcelona, unha cidade babilónica na que teñen cabida todos os idiomas, os sabores e os sentidos.

A OAB naceu hai cinco anos e medio por iniciativa de catro músicos marroquís, liderados por Soulimane. Tres músicos cataláns e un músico grego completan un grupo co que en ocasións colaboran artistas como Omar Sosa, Miquel Gil ou Mohamed Agbalo. Máis alá da innegable calidade da súa música, coa que gañaron un importante oco dentro da programación do Auditori, a OAB tivo claro dende o principio que a súa función social consistía en explicar a cultura árabe nun momento delicado, no que parte da sociedade a identifica con terrorismo, violencia e radicalidade.

Co seu primeiro disco, Báraka, recoñecido como o segundo mellor disco de folk catalán do 2006, a OAB puxo ao día a tradición musical árabe, marroquí, andalusí e sufí, sobre inspiracións de world music, jazz e música doutros países do mediterráneo. Agora volven cun segundo disco, Maktub, con máis composicións propias, no que reinciden na capacidade integradora da música. Mestizaxe e fusión ao servizo da tolerancia, da man de oito músicos consagrados que ofrecen un concerto moi elaborado, cargado de sabores, palabras e sentidos árabes.



« Programa 2009
Escoita á Orquestra Árabe de Barcelona en mp3:
Maktub
Luna Llena
Nuestra Plegaria

Co patrocinio de: