No Auditorio o 13 de marzo
Roi Casal
Música tradicional con aires pop-folk
Sábado, 13 de marzo
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
Un verso de Curros Enríquez dá título ao primeiro traballo en solitario do que fora durante case unha década arpista de Milladoiro. As
Lendas douradas son o carácter, as falas, os costumes que definen unha cultura e Roi Casal recolle, revisa e redefine as lendas douradas da cultura galega nunha ducia de cancións que mesturan sons que levan en Galicia dende antes da Idade Media, como o da zanfona e o da arpa, con matices pop do século XXI.
Roi Casal empezou a tocar a arpa aos catorce anos, despois de formarse durante seis como pianista. Con dezanove anos entrou a formar parte do buque insignia da música tradicional galega, Milladoiro, e case dez anos despois decidiu seguir carreira en solitario. A finais de 2008 editou o seu primeiro álbum,
Lendas douradas, baseado nunha instrumentación de sonoridades célticas matizada cun aire de pop comercial. Un traballo que Roi Casal define como a interpretación que un cidadán do século XXI fai da música tradicional, da música medieval e da poesía galega.
A calidade das composicións e a perfecta interpretación e posta en escena dos temas caracterizan un concerto no que se fusionan tradición e modernidade. Ademais de revisar a música tradicional galega, en
Lendas douradas Casal ponlle música e voz a poemas de Manuel María e de Rosalía de Castro, traéndoos ao século XXI a través dunha será instrumentación contemporánea, con algúns arranxos arriscados que se deixan levar polas influenzas do rock e do pop que lle dan forza e bríos novos a unha cultura e a un idioma antigos.
«
Programa 2009