No Auditorio, o 13 de novembro

Ryuichi Sakamoto

O equilibro perfecto entre acústico e electrónico

Venres, 13 de novembro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas

Playing the Piano é a primeira xira en solitario de Ryuichi Sakamoto desde o ano 2000. Nela, presenta o seu primeiro álbum en solitario en cinco anos, tamén chamando Playing the Piano, que inclúe o seu repertorio máis coñecido, gravado en directo en Xapón. Unha edición especial incluirá, ademais, outro disco, Out of Noise, no que o compositor xaponés amosa a súa mestría á hora de mesturar a música acústica coa electrónica.

Sakamoto é un dos compositores e músicos máis premiados da escena musical actual. A súa carreira caracterizouse sempre por romper as barreiras entre a música e a tecnoloxía, experimentar con xéneros musicais tan diversos como a música electrónica, o pop ou a música sinfónica, e traballar coas máis importantes bandas de rock e música moderna do Xapón, onde foi membro fundador do mítico grupo Yellow Magic Orchestra (YMO). Desde finais da década dos setenta, Sakamoto desenvolveu unha peculiar linguaxe musical que mestura a tradición oriental coa vangarda electrónica e pop de Occidente, onde acadou grande sona grazas á súa colaboración con cantantes e grupos de prestixio como David Sylvian, David Byrne ou a Penguin Cafè Orchestra. O seu maior éxito internacional débello, porén, ás bandas sonoras que compuxo para dezaoito películas, entre as que cómpre salientar Benvido Mr. Lawrence, O Último Emperador (pola que obtivo un Oscar e un Grammy), O Ceo Protector e Femme Fatale.

Unha xira na que abarca o seu repertorio máis coñecido e na que, ademais, pon en práctica a súa filosofía de respecto polo medio ambiente ao comprometerse a reducir as emisións de C02 e a compensar a creación de refugallos coa compra de créditos de carbono a empresas que invisten en enerxías alternativas.



« Programa 2009