No Auditorio o 19 de xuño
Meredith Monk
Paisaxes sonoras que descobren sentimentos
Sábado, 19 de xuño
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
Meredith Monk é unha compositora, cantante, coreógrafa, autora de nova ópera e directora de películas e instalacións. Unha artista complexa, pioneira da chamada técnica vocal estendida, que formou o Vocal Ensemble en 1978 para ampliar as texturas e as formas da súa música e que, dende aquela, leva realizado unha decena de gravacións e percorrido os escenarios máis importantes do mundo, influíndo en artistas de sona como Laurie Anderson ou Björk.
Monk constrúe a súa proposta artística na intersección que se produce entre a música e o movemento, entre a imaxe e o obxecto, entre a luz e o son. A súa obra é un descomunal esforzo por descubrir e tecer novos modos de percepción. Explorando a voz como instrumento, como lingua elocuente en si mesma, Monk amplía os límites da composición musical e crea paisaxes sonoras que descobren sentimentos, enerxías e memorias para as que non existen palabras. Proclamada como unha das compositoras máis frescas de América e aclamada polo público e pola crítica como unha das forzas creativas máis importantes das artes escénicas dos Estados Unidos, ao longo da súa carreira, que xa dura máis de 40 anos, ten recibido numerosos galardóns, entre o que compre salientar o Premio Nacional de Teatro dos EUA e dúas bolsas Guggenheim.
A súa música foi interpretada por numerosos solistas e ensembles. Os membros deste Vocal Ensemble Quartet representan diferentes culturas de Asia, África, Europa e América Latina e achegan ao proxecto tradicións artísticas moi diversas, que van desde ópera China e occidental até Broadway e o teatro musical, así como todo tipo de peformance multidisciplinar.
«
Programa 2009