No Auditorio, o 23 de xaneiro
Sumrrá
Jazz de vangarda, forza e dramatismo
Sábado, 23 de xaneiro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas
Sumrrá celebra o seu décimo aniversario presentando novo disco, o cuarto, que gravaron na sala Nasa e co que apostan de novo polo son acústico, espido e cru. Con este novo traballo, o trío composto por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Gutiérrez e LAR Legido dá un paso máis na súa proposta artística, que parte do jazz europeo e vangardista e que toma elementos doutros xéneros como o pop, o rock ou o folque, para poñelos ao servizo da improvisación e do xogo.
Recoñecido pola prensa especializada como o trío máis innovador da escena jazzística do estado,
Sumrrá une ideas e virtuosismo nunha celebración da música verdadeira, orixinal e libre. Unha proposta sinxela e honesta, chea de talento, de entusiasmo, de sinceridade e de grandes complicidades. Jazz de vangarda ao que non lle faltan nin a dose xusta de técnica, nin o lirismo, nin o swing. O seu impresionante directo é o resultado dun traballo esixente e comprometido dun trío de fondas convicións artísticas. Un grupo cuxa frescura non disimula o alto nivel de composición dos seus integrantes, tres dos músicos que marcan os vieiros do jazz en Galicia.
Sumrrá apóiase na naturalidade, na sobriedade e na solemnidade para conquistar ao público co seu jazz contemporáneo e innovador. Unha proposta honesta que só pretende ser boa música feita por tres bos músicos e que, ao facelo, excede os límites do jazz e da música improvisada e posibilita unha comunicación xenuína e directa co espectador, integrándoo nun proxecto de vangarda cheo de forza e de dramatismo.
- Visita a web oficial de Sumrrá
«
Programa 2009